NOTA DE PRENSA:
A XUNTA INVESTIRÁ PRETO DE 300 MIL EUROS EN REFORZAR A ESTRUTURA DA LONXA DE FOZ E ADAPTALA ÁS NOVAS NECESIDADES
A Consellería de Mar anuncia a licitación urxente das obras, que terán un prazo de execución de catro meses
Raquel Arias valorou “a celeridade” que se imprime á contratación deste proxecto, que permitirá o uso do edificio como nave de redes
Lugo, 31 de agosto de 2010.- A Consellería do Mar anunciou hoxe a licitación pola vía de urxencia das obras de reforzo estrutural da lonxa de Foz, ás que destina un orzamento de 294.605 euros e que contarán cun prazo de execución de catro meses.
A delegada territorial, Raquel Arias, valorou a celeridade que se imprime ao procedemento de contratación deste proxecto, que “permitirá incrementar a seguridade do edificio e adaptalo ás novas necesidades”. Arias subliñou a importancia de “traballar en coordinación coas confrarías de pescadores” e “introducir progresivamente melloras nas condicións de traballo en lonxas e portos”.
En concreto, lembrou, “estes traballos resolverán o problema de cimentación que presenta a lonxa na actualidade, que ademais adoece dun sistema estrutural na planta baixo cuberta que dificulta a incorporación do novo uso que se lle pretende dar como nave de redes”.
A cimentación será reforzada mediante un sistema baseado en micropilotes, o que esixirá a demolición de parte do pavimento e a realización de labores de escavación. Colocaranse dous pórticos mediante celosías metálicas, enfoscados e rematados con pintura resistente á corrosión e aos impactos, a mesma que se utilizará na pavimentación desta zona.
Na primeira planta realizaranse melloras nas divisións interiores para identificar claramente tres zonas de traballo: Un vestíbulo de distribución, unha sala de reunións e un área para almacén e arquivo.
Igualmente, nesta planta procederase a colocar un pavimento de gres porcelánico, ao tempo que se reinstalan as redes de baixa tensión e de telecomunicacións.
Este proxecto complementa as actuacións de habilitación do edificio para nave de redes, que superaron os 40.000 euros de investimento e incluíron un estudo xeotécnico e un contrato menor de obras para o acondicionamento interior.
As empresas interesadas en concorrer ao contrato dispoñen ata o día 13 de setembro de prazo para presentar as súas ofertas, e poden consultar as bases da convocatoria na páxina www.contratosdegalicia.es.