BURELA (FNC) .- A tenente de alcalde de Burela, Neves Cando, acusa de traizón ao PP de Burela por votar en contra dunha moción do bipartito para garantir un financiamento axeitado do Centro de Información ás Mulleres. Cando critica os recortes sociais da Xunta que é capaz de gastar en tres meses 5 millóns de euros en diversas campañas publicitarias.
A edil nacionalista dixo que “no pleno que celebramos o venres pasado no Concello de Burela asistimos unha vez máis á traizón do Partido Popular de Burela a todos os veciños e veciñas do noso pobo. Estámonos a referir ao seu voto en contra para garantir un financiamento axeitado para o Centro de Información ás Mulleres. Coa orde de subvención que sacou hai 15 días a Xunta de Galicia o Concello de Burela perde 14.200 euros, eso sempre e cando nos dean o máximo ao que podemos optar, con respecto a anos anteriores. Estes cartos eran para poder financiar o persoal e as actividades do noso Centro de Información ás Mulleres”.
Neves Cando subliñou que “é a primeira vez dende que se creou este centro que a Xunta recorta o seu financiamento. Pero isto ao Partido Popular de Burela non lle importa, porque sempre critica moito os gastos pero despois apoia os recortes sociais que está facendo a Xunta. É inconcibible que o Goberno galego recorte prestacións e financiamentos para servizos sociais e para a creación de emprego nestes momentos difíciles de crise, nos que os gobernos deben apostar polo emprego e os servizos sociais”.
A tenente de alcalde lembrou que “sufrimos recortes no emprego no pasado mes de xuño cando a Xunta só nos concedeu a contratación de once persoas desempregadas, dez para socorrismo e unha para o banco municipal de tempo, cando nós tiñamos solicitadas 34 prazas para a limpeza de praias, para servizos en turismo, obras e xardinería. 23 persoas no paro quedaron sen acceder a un posto de traballo porque, según di a Xunta, hai poucos cartos para isto. E agora tócalle o recorte ao Centro de Información ás Mulleres que, como xa dixen antes, verá no caso de Burela diminuír o seu financiamento en máis de 14.000 euros”.
Cando engadiu que “esta é a austeridade que proclama a Xunta do Partido Popular: recortar emprego e financiamento para os servizos sociais. Pero para outras cousas non hai recortes: a Xunta do Partido Popular en só tres meses ven de anunciar a contratación de campañas de publicidade por máis de 5 millóns de euros, case mil millóns das antigas pesetas: un millón para divulgar o valor do plurilingüismo, medio millón para publicitar a nova lei de augas, un millón e medio para a promoción da innovación en Galicia, un millón para publicitar a modernización da sanidade pública en Galicia e un millón para a defensa dos valores do territorio. Para estas campañas de publicidade sí hai cartos, pero para crear emprego e financiar os servizos sociais non, para isto hai recortes. Só hai que pensar en cantos postos de traballo e cantas melloras nos servizos sociais se poderían facer con estes 5 millóns de euros que o Partido Popular na Xunta de Galicia vai gastar en publicidade”.