Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mariña do futuro

Os mariñás estamos de noraboa. O remate dos traballos na Transcantábrica para 2012 incrementará sen ningunha dúbida as posibilidades económicas da nosa Comarca. O esforzo inversor do Goberno Central nesta infraestrutura malia as dificultades económicas amosan a responsabilidade dun Ministro de Fomento comprometido coa provincia de Lugo. Este é ademais o mellor exemplo de que no PSOE non só gobernamos distintos senón mellor.

Lembrarán aquela manifestación no Vicedo, alá por febreiro de 2008, cando o Partido Popular en Lugo izaba bandeiras esixindo que a vía Ferrol-San Cibrao estivese rematada en 2011. Por aquel entón, o Executivo de Emilio Pérez Touriño prevía finalizar cos traballos desta vital infraestrutura para a Mariña no 2013. Hoxe, no PP lucense ninguén fala da VAC xa que, dende que este partido chegou á Xunta, a Vía de Alta Capacidade retrasouse ó 2017 quedando demostrado que o Partido Popular só esixe o compromiso do resto das administracións cando son eles os que non cumpren. Os prexudicados somos todos os mariñás porque, coa posta en marcha da autovía do Cantábrico en 2012, a Mariña quedará dividida en dúas durante 5 anos, o tempo a maiores que tardará o Goberno galego en facer da VAC unha realidade.

Insisto, gobernamos distinto e mellor. Por iso, nos últimos días na Deputación lucense vimos de tramitar obras na Mariña por valor de 1.250.000 euros. Deste xeito, nun mes comezaremos a executar en Viveiro actuacións en prol da mellora dos servizos ós viveirenses que permitirán, xa no mes de marzo, ter acondicionada a antiga casa Calvo Sotelo ou o Conservatorio de Musica Municipal, ademais de dispor dun campo de fútbol en Lavandeiras, dunha óptima rede de sumidoiros nos lugares de Pallaregas-Covas e Galdo, duns excelentes servizos urbanos dende Xunqueiras a Magazos, ou da desexada urbanización e rexeneración do Celeiriño.

Gobernamos distinto, mellor e sen facer distincións en canto a cor política porque, ó igual que levamos a cabo estes traballos en Viveiro, temos asinado un convenio coa Xunta para proxectos de urbanización, abastecemento e saneamento no Concello de Barreiros. Nós cumprimos coa palabra e facemos os deberes. Por iso, tal e como se recolle neste documento, dende o organismo provincial xa temos asinada unha partida orzamentaria de máis de 1,2 millóns de euros para levar a cabo estas actuacións que aínda non teñen data ante a pasividade do Goberno galego. Unha vez máis os prexudicamos somos os veciños da Mariña xa que, de non levarse a cabo estas actuacións, a nosa Comarca sufrirá graves problemas económicos coa perda de centos e centos de postos de traballo.

Mentres, nós non nos quedaremos parados e seguiremos investindo na Mariña, unha Comarca que para algúns parecer non existir pero que a Deputación ten moi presente. Proba diso son os máis de 20 millóns que achegamos para mellorar ás comunicacións, dotar de servizo contraincendios, converter a costa lucense na 3º de España con máis praias certificadas medioambientalmente…, máis outras moitas actuacións nas que xa estamos traballando para construír a Mariña do futuro.

Lara Méndez

Vicepresidenta Segunda da Deputación

Exit mobile version