A MARIÑA .- A Mancomunidade de Municipios de A Mariña, que preside o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, solicita a creación dunha comisión, que integre a todas as administracións implicadas nos traballos de recuperación tras o último temporal. A Xunta de Galicia asegura estar disposta a coordinarse coas outras administracións para afrontar os danos ocasionados polas inundacións do pasado mes de xuño.
Nota de Prensa
A XUNTA REITERA OS SEU CHAMAMENTO A OUTRAS ADMINISTRACIÓNS PARA COORDINARSE E AXILIZAR A REPARACIÓN DOS DANOS DAS RIADAS DA MARIÑA
* O presidente da Mancomunidade da Mariña tamén solicitou a creación dunha comisión conxunta para abordar canto antes os traballos pendentes
Lugo, 2 de agosto de 2010.- A Xunta de Galicia reitera a súa disposición a coordinarse coas outras administracións para optimizar os recursos e axilizar a reparación dos danos ocasionados polas inundacións do pasado mes de xuño na Mariña lucense.
A Xunta responde así a o requirimento realizado pola Mancomunidade de Municipios da Mariña, que a través dun carta remitida polo seu máximo representante, Alfonso Fuente Parga, se dirixiu ao presidente da Xunta para solicitar a creación dunha comisión que integrara a todas as administracións implicadas nos traballos de recuperación tras as riadas.
Ante esta petición, trasladada á súa vez ao conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, a Xunta lembrou que foi a primeira institución en suxerir a necesidade de coordinar as actuacións entre administracións, e en facer un chamamento neste sentido á Deputación Provincial e á Delegación do Goberno, que rexeitaron a proposta.
A Xunta segue a considerar que esta cooperación redundaría nunha economía de medios e de tempo para afrontar as obras pendentes, isto é, nunha maior eficiencia que en definitiva beneficiaría aos veciños da Mariña. Polo tanto, mantén a súa disposición a crear esta comisión que solicita a Mancomunidade de Municipios da Mariña.
Non obstante, a Xunta despregou dende o primeiro momento diversas medidas, no marco das súas competencias, para minimizar no posible os efectos prexudiciais das inundacións, máxime tendo en conta que ocorreron ás portas da tempada alta do turismo.
Así, o Executivo galego inviste preto de catro millóns de euros en obras de infraestrutura -que afectan principalmente a estradas e pontes e aos leitos dos ríos que discorren pola Mariña lucense- e en axudas para os veciños que se viran afectados pola perda de enxoval doméstico ou destrozos sufridos en vivendas. Igualmente, o Ente Público de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH) inviste 1.510.978 euros en actuacións directas de emerxencia de inmediata execución para resolver incidencias.
Pola súa banda, a Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, destina 200.000 euros á concesión de axudas para danos nos establecementos comerciais e infraestruturas enerxéticas de titularidade municipal provocadas polo temporal. Deste xeito, o Executivo galego da cobertura tamén aos problemas xerados no ámbito do sector do comercio retallista e demais sectores mercantís.
Do mesmo xeito, a través da Consellería de Cultura e Turismo, os establecementos turísticos da zona recibirán axudas para sufragar os danos causados polas riadas. Para esta liña, a Xunta aprobou destinar unha partida inicial de 200.000 euros.