Nota de Prensa
RAQUEL ARIAS REÚNESE COA DIRECTIVA DO BURELA FÚTBOL SALA PARA TRATAR SOBRE OS PROXECTOS DA ENTIDADE DEPORTIVA MARIÑANA
* A delegada territorial destacou “o papel fundamental do club burelense na promoción futbolística da Mariña lucense”
Lugo, 13 de agosto de 2010.- A delegada territorial da Xunta de Galicia, Raquel Arias, recibiu esta mañá á directiva do Burela Fútbol Sala, encabezada polo presidente do club, José Ramón González Casas. Na xuntanza, á que tamén asistiu o portavoz do PP en Burela, José María González Barcia, e o xefe do servizo de Deportes da Delegación Territorial, José Manuel Rozas, foron plantexados os distintos proxectos que está a desenvolver a entidade e varias iniciativas que pretende desenvolver nos próximos meses.
Arias destacou o compromiso do Goberno galego con esta disciplina deportiva, e reiterou a disposición da Xunta a colaborar coa entidade. Neste sentido, a delegada territorial lembrou que o Executivo galego está a colaborar decididamente “a través de distintos programas co Burela Fútbol Sala, unha entidade que aglutina seccións femininas e masculinas dun amplo abano de idades”.
O presidente do club burelense, pola súa banda, explicoulle á representante da Xunta na provincia as actividades que a entidade ten previsto realizar nos próximos meses, facendo fincapé naquelas relacionadas coas categorías inferiores. José Ramón González Casas informou ademais a creación dunha fundación que completará o traballo deportivo realizado polo Burela Fútbol Sala.
Compromiso cos máis novos
Raquel Arias aproveitou o encontro para destacar “o papel fundamental do club burelense na promoción futbolística da Mariña lucense” e agradeceu a “forte aposta que a entidade está a facer para achegar o fútbol sala aos máis novos”.
Nesta liña, a delegada territorial da Xunta valorou moi positivamente o compromiso da directiva do Burela Fútbol Sala con relación á promoción das categorías inferiores, das que cada ano forman parte máis de 200 rapaces de toda a Mariña lucense. O clube conta ademais cun equipo feminino que na próxima tempada participará por segunda vez na División de Honra e un masculino, que voltará a actuar na División de Prata.