Nota de Prensa
ANTONIO VEIGA VISITOU A CICLOBIBLIOTECA DE “CULTURA ABERTA NOS CONCELLOS”, QUE LEVOU A “COCIÑA ITINERANTE DOS SOÑOS” A BARREIROS
Ademais de en Barreiros, a ciclobiblioteca estivo hoxe en Foz e en Ribadeo, e mañá visitará Trabada, Lourenzá e Riotorto
“Cultura sobre Rodas” percorrerá 51 concellos lucenses fomentando a lectura entre os nenos e nenas coa inestimábel axuda do contacontos cociñeiro “Seteventos”
LUGO, 4 de agosto de 2010. Esta tarde, o delegado de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, visitou a ciclobiblioteca de Cultura Aberta nos Concellos, que ás 19:00 horas se atopaba na praza do concello de Barreiros despois de divertir aos nenos e nenas de Foz pola mañá, e de Ribadeo a primeira hora da tarde. Mañá, Cultura sobre Rodas estará ás 12:00 horas en Trabada, ás 17:00 horas en Lourenzá e ás 19:00 horas en Riotorto, e así ata 51 concellos lucenses que está percorrendo dende xullo e ata setembro, na terceira de Cultura Aberta nos Concellos. Nesta ocasión, o nome escollido foi “Cultura sobre rodas” xa que se trata dunha cociña itinerante dos contos, un proxecto de animación cultural cos libros sobre o medio ambiente e a ciclobiblioteca que os transporta como protagonistas. O obxectivo é espallar a cultura ambiental da man do contacontos e cociñeiro de historias chamado “Seteventos”, que alimenta a imaxinación dos participantes nas súas sesións, concienciándoos da importancia do coidado e a estima do patrimonio natural.
Como lembrou Veiga, a actividade realízase en todos os concellos que o solicitan e está sufragada integramente pola Área de Cultura da Deputación. Do mesmo xeito que nos demais municipios que xa ten visitado, a ciclobiblioteca percorreu Barreiros a xeito de pasarrúas, anunciando o lugar e o comezo da actividade; logo a ciclobiblioteca instalouse durante unha hora e as persoas que se achegaron puideron dispor dos libros; por último, “Seteventos”, o cociñeiro de contos preparou historias aos asistentes, e mostroulles como se cociñan, e así, entre un conto e outro, aprenderon a respectar a natureza e valorar o patrimonio natural lucense.
O ano pasado foron máis de 3000 as persoas que participaron nesta actividade e, nesta ocasión espérase que se repita o éxito da pasada edición, e que os concellos que por razóns xeográficas ou socioeconómicas permanecerían á marxe deste tipo de programación cultural poidan participar dela. A Área de Cultura da Deputación aporta este ano 200.000 euros aos concellos para a organización de actividades e eventos culturais, e para axudas a investimentos de mantemento en instalacións culturais ou equipamento cultural.