Nota de Prensa
A ÁREA DE DEPORTE DA DEPUTACIÓN DE LUGO FINANCIARÁ CON 2.500.000 EUROS AS OBRAS DE REFORMA DO POLIDEPORTIVO DE RIBADEO
Antonio Veiga anunciou que a Área de Deporte ven de aprobar esta subvención coa que se reformará e ampliará o vello pavillón ribadense, que data dos anos 60
Na Xunta de Goberno tamén se aprobou a concesión de 25.186 euros ao concello de Ribadeo para o acondicionamento do Lavadoiro como espazo de reunións
Como explicou Antonio Veiga, as obras de reforma e ampliación do pavillón polideportivo ribadense “serán financiadas a 3 anos, sendo en 2010 a inversión de 800.000 euros, no 2011, 700.000 euros e no 2010, 1.000.000 de euros”. O delegado de Cultura e Deporte afirmou que “con isto, cumprimos unha vella demanda deste concello e do deporte mariñao en xeral, continuando na liña que nos marcamos de mellorar a rede de instalacións deportivas municipais da provincia. Afirmou que esta é “unha moi boa nova para Ribadeo e tamén para os deportistas da comarca, xa que por fin o concello conta cun pavillón novo, reformando o antigo, que data de preto dos anos 60 e presenta múltiples deficiencias”.
En canto ao acondicionamento do Lavadoiro ribadense como espazo de reunións, Veiga afirmou que “con estas obras, aténdese outra das vellas demandas de Ribadeo e en concreto das súas asociacións, que precisaban dun lugar para reunirse, e pola nosa banda continuamos tamén dando apoio ao movemento asociativo lucense”.O Lavadoiro, que data de finais do XIX ou principios do XX e está situado no casco histórico, conservará o seu aspecto exterior, mentres que no interior contará coas facilidades necesarias para dar resposta á necesidade das asociacións que o precisan.
En canto a Área de Benestar, aprobouse o convenio regulador da subvención excepcional para a asociación de pais e nais de menores paralíticos cerebrais da provincia de Lugo (ASPACE-LUGO), por importe de 21.800 euros, para financiar gastos de persoal, desprazamentos e diversos acondicionamentos derivados do seu proxecto “Achegarse”.
Tamén se aprobou a concesión dunha subvención de 100.000 euros para a asociación de persoas con Discapacidade da Mariña Lucense (A Mariña-Cogami), que será dedicada a gastos de construción de obra e honorarios do arquitecto derivados do “Proxecto de Construción do Centro de Recursos para persoas con discapacidade de Xove (Lugo)”.
Por último, aprobouse a subvención a suscribir entre a Deputación e a asociación de Axuda o enfermo mental A Mariña por importe de 75.000 euros, que serán destinados a gastos de acometida de luz derivados do proxecto denominado “Construción de residencia e centro ocupacional para discapacitados con enfermidade mental”.