Nota de Prensa
A ÁREA DE DEPORTE DA DEPUTACIÓN DE LUGO FINANCIARÁ CON 2.500.000 EUROS AS OBRAS DE REFORMA DO POLIDEPORTIVO DE RIBADEO
Antonio Veiga anunciou que a Área de Deporte ven de aprobar esta subvención coa que se reformará e ampliará o vello pavillón ribadense, que data dos anos 60
Na Xunta de Goberno tamén se aprobou a concesión de 25.186 euros ao concello de Ribadeo para o acondicionamento do Lavadoiro como espazo de reunións
LUGO, 18 de xullo de 2010. Antonio Veiga, delegado de Cultura e Deporte da Deputación de Lugo, anunciou hoxe na rolda de prensa posterior á xunta de goberno que ven de aprobarse o convenio regulador da subvención excepcional por importe de 2.500.000 que se concede ao concello de Ribadeo, para a reforma e ampliación do pavillón polideportivo do municipio mariñao. Por outra banda, tamén para o concello destina a Área de Cultura un total de 25.186 euros que serán dedicados ás obras de acondicionamento do Lavadoiro que se atopa no casco histórico da cidade como centro de reunións para asociacións.
Como explicou Antonio Veiga, as obras de reforma e ampliación do pavillón polideportivo ribadense “serán financiadas a 3 anos, sendo en 2010 a inversión de 800.000 euros, no 2011, 700.000 euros e no 2010, 1.000.000 de euros”. O delegado de Cultura e Deporte afirmou que “con isto, cumprimos unha vella demanda deste concello e do deporte mariñao en xeral, continuando na liña que nos marcamos de mellorar a rede de instalacións deportivas municipais da provincia. Afirmou que esta é “unha moi boa nova para Ribadeo e tamén para os deportistas da comarca, xa que por fin o concello conta cun pavillón novo, reformando o antigo, que data de preto dos anos 60 e presenta múltiples deficiencias”.
En canto ao acondicionamento do Lavadoiro ribadense como espazo de reunións, Veiga afirmou que “con estas obras, aténdese outra das vellas demandas de Ribadeo e en concreto das súas asociacións, que precisaban dun lugar para reunirse, e pola nosa banda continuamos tamén dando apoio ao movemento asociativo lucense”.O Lavadoiro, que data de finais do XIX ou principios do XX e está situado no casco histórico, conservará o seu aspecto exterior, mentres que no interior contará coas facilidades necesarias para dar resposta á necesidade das asociacións que o precisan.
En canto a Área de Benestar, aprobouse o convenio regulador da subvención excepcional para a asociación de pais e nais de menores paralíticos cerebrais da provincia de Lugo (ASPACE-LUGO), por importe de 21.800 euros, para financiar gastos de persoal, desprazamentos e diversos acondicionamentos derivados do seu proxecto “Achegarse”.
Tamén se aprobou a concesión dunha subvención de 100.000 euros para a asociación de persoas con Discapacidade da Mariña Lucense (A Mariña-Cogami), que será dedicada a gastos de construción de obra e honorarios do arquitecto derivados do “Proxecto de Construción do Centro de Recursos para persoas con discapacidade de Xove (Lugo)”.
Por último, aprobouse a subvención a suscribir entre a Deputación e a asociación de Axuda o enfermo mental A Mariña por importe de 75.000 euros, que serán destinados a gastos de acometida de luz derivados do proxecto denominado “Construción de residencia e centro ocupacional para discapacitados con enfermidade mental”.