BURELA (FNC) .- O salón de plenos do Concello acolleu hoxe a presentación da oitava edición de Produart, a feira dos productos artesáns e ecolóxicos que se celebrará do 6 ao 8 de agosto, e da vixésimo sexta feira do bonito que terá lugar o 7 de agosto.
A Produart acudirán un total de 70 expositores, artesáns e de productos ecolóxicos entre os que estarán alimentación, saúde, cosmética ou tecnoloxías alternativas “e tamén acudirán o GDR da Mariña e o Grupo de Acción Costeira A Mariña-Ortegal, que estarán alí dando información do seu traballo”, segundo explicou o alcalde, Alfredo Llano. A feira Produart, que terá por escenario a nave de redes, acollerá durante eses tres días actividades paralelas como mesas redondas nas que se abordarán asuntos como finanzas éticas e consumo responsable, tamén haberá xogos ecolóxicos e obradoiros.
Este evento coincidirá o sábado 7 de agosto coa XXVI feira do bonito. O rexedor suliñou “a importancia deste evento gastronómico no que poderemos degustar un producto pesqueiro tan importante para o noso concello. Todos os que se acheguen a Burela poderán degustar a ración do príncipe azul, con pan e viño a un prezo de 6 euros”. Llano convidou “a veciños e visitantes a acudir a Burela do 6 ao 8 de agosto a disfrutar destas dúas citas que hoxe presentamos. Seguro que sairán contentos e soprendidos de todo o que aquí ofrecemos”.