BURELA .- Sobre as 10 da mañá declarouse un incendio nunha das naves da lonxa de Burela que quedou controlado a primeira hora da tarde. Na extinción interviñeron bombeiros e persoal da maioría dos concellos da costa, de Alcoa, Absa, Portos de Galicia e unha lancha de salvamento. O gardamar Concepción Arenal bombeou auga ao teito da instalación. Non houbo danos persoais aínda que son cuantiosos os danos materiais. Durante as vindeiras horas permanecerá alí un retén dos bombeiros.
Notas de Prensa
1/2
ALFREDO LLANO ASEGURA QUE TODOS OS EFECTIVOS DO CONCELLO E DOUTRAS VILAS DA MARIÑA ESTÁN A TRABALLAR NA EXTINCIÓN DO INCENDIO QUE SE DECLARABA ESTA MAÑÁ NUNHA NAVE DA LONXA DE BURELA.
Burela, 22 de xullo de 2010 (FNC). O alcalde de Burela, Alfredo Llano, atópase nas inmediacións da lonxa. Nunha das naves declarábase un importante incendio esta mañá. O fume negro que sae do seu interior pode verse desde toda a vila e desde outros puntos da costa.
O rexedor contou que “sobre as 10 da mañá se declaraba o incendio, aínda que polo momento non sabemos onde deu comezo. Unha das naves da lonxa está ardendo, está saíndo un fume negro intenso como consecuencia do material de plástico para almacenaxe de peixe que había no seu interior. Están actuando os bombeiros e persoal de Absa (Armadores de Burela) e de Portos e estamos agardando a ver si se pode reducir o avance das llamas, aínda que será complicado”. Todos os efectivos en materia de extinción de incendios do Concello de Burela están a traballar no porto así coma outros chegados desde municipios limítrofes como Cervo.
Alfredo Llano considera que “o fume reflexa a importancia e a gravidade do incendio, hai que impedir que siga avanzando cara outros lugares. Estamos agardando por máis bombeiros para seguir a traballar na súa extinción. Cando se iniciou o lume nesta nave había persoas no seu interior, pero déulles tempo de saír… agora estáse evacuando o peixe e todo o material que se pode recuperar. Todos están a traballar para atallalo o antes posible”.
2/2
BOMBEIROS, GRUMIR E PERSOAL DE PROTECCIÓN CIVIL DA MARIÑA LUCENSE TRABALLAN PARA APAGAR UN LUME NUNHA NAVE NO PORTO DE BURELA
Burela, 22 de xullo de 2010. Dotacións de Emerxencias e de especialistas en extinción de incendios da Mariña traballan arestora para controlar e apagar un incendio que comezou sobre as dez da maña nunha nave industrial no porto de Burela. Nas labores de extinción están participando os efectivos de Protección Civil e os Grumires dos concellos de Burela, Cervo, Foz, Xove, así como efectivos do Centro de Incendios Forestais e da empresa Alcoa.
O incendio, que se orixinou na Asociación de Pescadores do porto de Burela, propagouse con rapidez polo tellado das dependencias do porto lugués, polo que se desprazaron ata o lugar, coordinados polo 112 e a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) nove motobombas e dous remolcadores para levar a cabo as labores de extinción.
Nestes momentos o incendio atópase xa controlado. Os traballadores do dispositivo traballan agora sobre os focos visibles no teito da instalación.