Site icon Crónica3.com A Mariña

O TSXG desestima o recurso de SUMIGES para recuperar a xestión da auga e o lixo de Cervo

CERVO .- O Concello de Cervo ven de recibir unha nova sentenza favorable dentro do longo proceso derivado da decisión tomada no seu día polo Goberno municipal do Partido Popular de anular o contrato de privatización de los servizos de auga, gas, saneamento e recollida de lixo á empresa Sumiges.

Neste caso trátase dun fallo da sala segunda do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimando o recurso de apelación interposto pola empresa Sumiges contra unha sentencia do 9 de decembro de 2008 onde tamén se desestimaba a reclamación patrimonial de 147.779,50 euros desta entidade empresarial polos prexuízos derivados da anulación do contrato de privatización de servizos. A sentencia é firme e, ademais, obriga ao recorrente (Sumiges) ao pago das costas xudiciais derivadas do proceso.

Para a portavoz do grupo de Goberno local, Pilar Armada, esta sentencia é “un refrendo máis” de que a decisión tomada polo Goberno local do Partido Popular de retomar o contrato de servizos subscrito polos socialistas de Cervo cando estaban á fronte do Concello “foi unha medida axeitada” e deixa ao descuberto unha vez máis “as escuras pretensións do Psoe de Cervo no proceso privatizador destes servizos”.

A edil popular lembrou tamén que todas as sentencias firmes formuladas ao longo de todo este proceso xudicial teñen sido favorables aos intereses do Concello “e polo tanto, deixan en evidencia as dubidosas condicións de privatización promovidas e a probadas polos socialistas de Cervo… que por certo, non estaría de máis que que tiveran a gallardía suficiente de explicar á xente a que obedecía o seu desmedido interese en poñerse de lado da empresa ao longo de todo este farragoso proceso”.

DESLEALDADE

Profundando no seu discurso, a representante do grupo de Goberno municipal recalcou que as consecuencias dos distintos fallos xudiciais deixa ao descuberto “a deslealdade” do PSOE local “cos veciños de Cervo” e o explicou a devandita acusación xustificándoa en dous feitos: “ Primeiro, privatizaron un servizo público que a Xustiza resolveu como irregular; e segundo, desde o primeiro momento os edís socialistas estiveron ao carón da empresa privada e non na defensa dos intereses dos veciños de Cervo”.

Segundo Armada, o Goberno municipal móstranse convencido de que se polos edís socialistas fora “ou seguiriamos cun servizo privatizado de xeito irregular, ou xa teríamos pagado todas as reclamacións desta empresa -o que sumaría máis de tres millóns de euros- e isto a pesares de que os Tribunais nos levan dando a razón en todas as sentencias”

ESPERANZA DE QUE SAIBAN PEDIR PERDÓN

Segundo a voceira do grupo de Goberno, os responsables municipais manteñen a súa esperanza de que desde o PSOE saiban rectificar o discurso mantido ata o momento escorado a favor desta empresa privada e saiban tamén pedir perdón aos veciños pola súa neglixente e irregular xestión. “Eles que tanto se enchen a boca falando da importancia dos servizos públicos foron os reis da privatización mentres que nós, desde os distintos Executivos municipais do Partido Popular, sempre defendemos que debía manterse unha xestión pública, porque o único beneficiario do auga, do saneamento, do gas e da recollida de lixo deben ser todos e cada un dos veciños”.

Exit mobile version