Site icon Crónica3.com A Mariña

Si home si

Réndome e confeso.

Este é o meu último contributo a unha polémica iniciada por un cuco. ( O cuco, xa se sabe, pon o ovo en niño alleo e unha vez que o polo do cuco rompe a casca, guinda do niño aos seus irmáns adoptivos e faise o dono indiscutible do niñal. )

Réndome, porque non quero colaborar subministrando enerxía a un ventilador que espalla materia pestilente.

Réndome, tamén , porque son dos que penso que en política non todo vale.

E confeso.

Confeso que son un “agresor ao patrimonio histórico e cultural ”. Todo Viveiro o sabe. Nos anos do II Cesarato permitín, contra o criterio do Partido Popular, que se construíse un edificio na Praza de Santa María que alterou a escala e destragou o entorno. Calei coma un peto cando derrubaron a Casa dos Leóns. Entorpecín todo o que puiden a campaña dos nacionalistas para incorporar o fermoso Teatro Pastor Diaz ao patrimonio municipal. Aplaudín a desafortunada remodelación da Praza Maior. Intentei eliminar a árbore singular onda o Pazo da Misericordia, porque supuña limitacións para un novo edificio. Tamén concedín, na época do V Cesarato, a licenza de obra de Lodeiro, despois de ter malvendido o antigo Matadeiro Municipal…

Outrosí—e xa que o tal suxeito segue a porfiar co da Igrexa—digo: acúsome de intentar derrubar o templo parroquial ( de rito católico ) e tamén de ter impedido o culto na Igrexa Evanxélica de Filadelfia ( ambas as dúas, en Covas).

Mi madriña!, con todo este historial vou de cabeza para o cárcere e alí xa non poderei participar en ningunha asociación cultural. Amolareime e o tal B. , terá entón vía libre para entrar en “Fariseos por el Patrimonio”. Vaia carreirón!

Remato. El e os seus mentores, cesarajienses ou pradovillapolienses—por citar, co seu nome científico, só a dous especímenes da avifauna deste eucaliptal occidental—en comparanza co perigoso “agresor do patrimonio cultural” que subscribe, son uns benditos.

Si home si.

Exit mobile version