O alcalde dixo que “unha serie de parcelas, solares e propiedades privadas que levaban moitos anos nunha situación lamentable, cheas de maleza por todos os lados, se ve como se están a rozar, o que ocasiona moi bos comentarios entre a xente, o cal a min me alegra, pero desgústame que unha parte desta xente que está recibir os requirimentos que lle enviamos desde o Concello non lles están a facer caso, pero o peor vai ser para eles porque se van enfrontar a unha serie de multas coercitivas que desde o Concello temos a certeza e a garantía de que o imos cumprir”.
Fernando Suárez engade que “nós non queremos meternos con ninguén, soamente queremos que todo o mundo que ten propiedades privadas as atenda. Esas propiedades son inviolables, pero deben estar nuns mínimos de esixencia, de decoro e de conservación. Alégrame e quero anuncialo como exemplo de todas as cousas que se están a facer, pero quero advertirlles aos que non fan caso dos nosos requirimentos que os atendan porque non vamos cesar no empeño de que manteñan limpas as súas fincas e os seus inmobles porque en Ribadeo vivimos moita xente e visítannos moitos turistas, algo que é unha fonte de riqueza, e non podemos permitir que algunhas actuacións afeen parte da nosa vila”.