O alcalde, Fernando Suárez, contou que “hai dous ou tres anos iniciamos xa conversas con Eocar para tentar poñer en marcha o servizo que hoxe presentamos. As praias de Ribadeo son fermosas, estes días imos izar as bandeiras azuis, as da Q de calidade e a ISO 14.001, pero todas eles teñen o inconveniente de que están certamente distantes do ámbito urbano de Ribadeo. Os Castros, As Illas, Esteiro e As Catedrais son moi bonitas, están lonxe e ás veces fanse pouco accesibles para aquelas persoas que non teñen medios de locomoción propios e os medios de locomoción colectivos non están preparados para dar este servizo con certas garantías”.
O rexedor explicou que “por diversos motivos non puidemos poñer en marcha esta iniciativa e durante todo este último ano a empresa Eocar estivo a xestionar unha autorización autonómica, imprescindible para poder levar esto adiante. E unha vez conseguida desde o Concello, non entrando na relación empresa-Xunta, sí queremos entrar nunha relación Concello-empresa a través da publicidade, dado que nos interesa moitísimo que este servizo funcione polo que ten que ver cunha maior mobilidade, cunha maior implicación do transporte público, cunha menor contaminación e para un maior achegamento ás praias tanto dos ribadenses como dos moitos turistas que nos visitan, algúns deles chegan en transporte colectivo á nosa vila e despois non teñen cómo desprazarse. O que queremos é que poidan desde Ribadeo ir ás praias todos os días”.