RIBADEO (FNC) .- O Concello envía unha segunda remesa de notificacións aos propietarios de solares e de fincas para que os adecenten canto antes. De non ser así poderán recibir multas coercitivas que oscilarán entre os 300 e os 6.000 euros, ademais de seren denunciados no xulgado.
O alcalde, Fernando Suárez, sinalou que “estamos notando avances na política que estamos aplicando desde hai tempo de cara a esixir aos propietarios de fincas que as adecúen para que os principios de ornato, seguridade e salubridade pública sexan unha tónica habitual no Concello. Hai xente que nada mais recibir os requirimentos enviados polos Concello xa veu dicirnos que ían proceder á súa limpeza, pero non é dabondo porque hai outra serie de propietarios que por non estar aquí, por non querer facerse cargo, por argumentar cincuenta cuestións que nada teñen que ver coa competencia municipal, que si son de varios parentes, que si non se poñen de acordo…algo que no Concello pouco nos importa e ademais porque sigo tendo queixas, con moita razón, por parte de colindantes e por parte de comunidades veciñais que nos din que aínda que notan avances non son suficientes”.
O rexedor contou que “estes días estamos mandando unha segunda remesa de notificacións xa definitivas coa advertencia de que si nun prazo concreto non limpan esas propiedades impoñeremos unha serie de multas coercitivas que van desde os 300 aos 6000 euros de acordo co artigo 203 da lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e co regulamento de disciplina urbanística”. Suárez Barcia engadiu que non quere ser o malo da película, “pero sí quero comunicarlle aos propietarios que fan caso omiso das nosas indicacións que de seguir así, a parte de seren obxecto dunha multa coercitiva, daremos conta ao xulgado contencioso-administrativo para que autoricen a entrada do Concello a esas fincas e proceder á súa limpeza subsidiaria, sen perxuizo de acudir ao xulgado de instrución para denunciar desacato á autoridade, porque nalgúns casos estamos diante dunha falta que pode ter cabida no que é a xurisdición penal. Eu quero advertir de boas maneiras e de bo grado aos veciños que aínda non fixeron caso ao primeiro requirimento que lles enviamos para que o fagan pola conta que lles poida ter desde os puntos de vista económico e xudicial”.