Site icon Crónica3.com A Mariña

Responsables das entidades implicadas no saneamento de San Cibrao inspeccionaron as obras

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, fixo un seguimento das obras do saneamento do núcleo de San Cibrao, xunto con responsables da Confederación Hidrográfica do Norte e representantes da empresa adxudicataria das obras

Nota de Prensa

Alfonso Villares fixo un seguimento desta infraestrutura xunto con responsables da Confederación Hidrográfica do Norte e representantes da empresa adxudicataria das obras

OS TRABALLOS DO SANEAMENTO DO NÚCLEO DE SAN CIPRIÁN MARCHAN A BO RITMO

o Hoxe deron inicio os traballos de asfaltados das rúas afectadas polas obras e está previsto que queden rematados pasado mañá, venres

Cervo, 7 de xullo de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, inspeccionou no día de hoxe os traballos do novo saneamento da vila de San Ciprián que se están desenvolvendo nesta localidade dende o pasado mes de agosto.

Segundo indicou o rexedor, a pesares de terse atopado con algunhas dificultades debido ao tipo de solo polo que discorre unha parte das obras, os traballos que está a desenvolver a empresa adxudicataria estanse desenvolvendo a bo ritmo. “As obras estanse desenvolvendo cunha gran profesionalidade e a nosa máxima prioridade é que os traballos se fagan coas máximas garantías de seguridade” recalcou Villares.

O alcalde indicou que as obras que atinxen á rede de colectores xa están rematada e nestes momentos estase procedendo ao asfaltado das zonas por onde discorren as canalizacións. Estes traballos de asfaltado quedarán rematados o  venres desta semana.

Tamén se está traballando na instalación dos tramos que pasan por terreos de competencia de Feve, na construción da Estación Depuradora de Augas Residuais (no polígono de Cuíña) e no soterrado do tanque de tormentas, no Parque Reina Sofía. Neste sentido o alcalde indicou que nos vindeiros días se vai liberar unha parte afectada polos traballos na zona da rúa Beiramar colindante coa Casa do Mar para facilitar deste xeito a celebración das festas patronais do Carme que van ter lugar na localidade a vindeira semana.

O alcalde tamén adiantou que a zona de xogos infantís do parque (actualmente valada por motivos de seguridade por estar moi preto dos traballos) poderá volver a estar operativa na última semana deste mes de xullo.

O mandatario local amosouse gratamente satisfeito de que “por fin” o saneamento integral da vila de San Ciprián “vaia tomando forma”, xa que era unha infraestrutura moi demandada tanto polo Goberno local coma polos veciños deste núcleo de poboación “e tamén, todo hai que dicilo, porque foi unha obra reiteradamente torpedeada e paralizada polo anterior goberno bipartito da Xunta, aínda que iso afortunadamente xa é historia” indicou.

Villares quixo tamén agradecer “a comprensión” dos veciños de San Ciprián nestes últimos meses “nos cales sei de sobra que non é doado circular pola vila, debido precisamente a estas obras e tamén a outras coma a canalización do gas cidade, pero estamos seguros que saben comprender que este tipo de inconvenientes son o prezo que hai que pagar se queremos dispoñer dunhas infraestruturas no pobo acordes cos tempos actuais”.

DATOS DAS OBRAS DE SANEAMENTO DE SAN CIPRIÁN:

* Presuposto: 4.854.391 euros

* Empresa adxudicataria: UTE Extraco-Gia

* Inicio das obras: Finais de agosto de 2009

* Traballos a realizar: As obras consisten basicamente no seguinte:

o COLECTORES (rede de tubaxes):

+ Construción dun tanque de tormentas soterrado no Paseo da Ría de 400 m3 de capacidade de retención, desde o que se realizará a impulsión xeral das augas residuais do núcleo de San Ciprián cara ao polígono industrial de Cuiña onde se construirá a EDAR.

+ A lonxitude desta rede de impulsión é de 1.272,75 metros e o sistema de bombeo dispón de tres bombas deseñadas para un caudal total de 66 litros/segundo.

+ Construción dun pozo de bombeo na zona do porto e instalación dunha tubaxe de impulsión até a rede xeral co obxecto de conducir as augas residuais desa área ata o tanque de tormentas. Esta estación de bombeo dispón de dúas bombas cun caudal unitario de 6,3 litros/segundo.

+ Construción dun colector de 78 m. de lonxitude para recoller as verteduras da península e levalos até o pozo de bombeo ubicado no porto.

+ Construción dun pozo de bombeo en Cubelas e instalación dunha tubaxe de impulsión até  a rede existente, para a condución das augas residuais ao novo tanque de tormentas do paseo da Ría. A lonxitude desta tubaxe de impulsión é de 39,6 m e estación de bombeo dispón de dúas bombas cun caudal unitario de 2,72 litros/segundo.

+ Ademais destas actuacións anteriormente citadas existen outras que conformarán a rede secundaria como son a construción de dous colectores (un para completar o saneamento de San Ciprián de 308 m. de lonxitude e outro para recoller as augas pluviais de 162 m. de lonxitude), e a conexión da rede de saneamento de polígono de Cuíña co colector xeral á EDAR.

o EDAR:

+ Situarase no polígono de Cuiña. Nesta instalación depurásense as augas do núcleo urbano de San Ciprián e do polígono de Cuiña, isto representa un total de 8.000 habitantes equivalentes. O seu caudal medio de tratamento será de 79,23 m3/h.

+ A liña de tratamento da auga consistirá nuns sistemas de recepción das augas, de pretratamento, tanques de tormenta e un tratamento biolóxico para a eliminación de nitróxeno e fósforo, ademais dun tratamento da liña de lodos ata conseguir o secado dos mesmos nun 75%.

Exit mobile version