Site icon Crónica3.com A Mariña

Quince desempregados formaranse coma montadores de instalacións solares térmicas en Cervo

CERVO .- Quince alumnos darán comezo a vindeira semana en Cervo un curso de montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas dirixido a traballadores desempregados e ao amparo do Plan de Accións Formativas da Xunta de Galicia.

Nota de Prensa

As clases comezarán a vindeira semana e se prolongarán por un período de cinco meses

QUINCE DESEMPREGADOS FORMARANSE COMA MONTADORES DE INSTALACIÓNS SOLARES TÉRMICAS EN SAN ROMÁN E SARGADELOS

* O curso está  organizado polo Concello de Cervo e a Fundación Laboral da Construcción

* Esta oferta formativa promovida dende o Concello ven a cumprimentar outras iniciativas deste tipo coma o Obradoiro “Terras de Azul Cobalto”  que deu comezo o pasado día 1

Cervo, 9 de xullo de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, anunciou esta mañá que quince alumnos darán comezo a vindeira semana no municipio un curso de montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas dirixido a traballadores desempregados e ao amparo do Plan de Accións Formativas da Xunta de Galicia.

O curso está organizado polo Concello de Cervo e a Fundación Laboral de la Construcción; e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo. Os alumnos que optan a participar nel asistiron onte ás probas de selección realizadas polos coordinadores da área formativa da Fundación  Laboral da Construcción nas antigas escolas unitarias de San Román.

Está  previsto que as clases dean comezo o martes, 13 de xullo e que rematen o 18 de novembro. Neste período os alumnos simultanearán a formación entre as Escolas Unitarias de San Roman, onde se impartirán as clases teóricas, e as instalacións coas que conta o Concello en Sargadelos, onde está previsto que se leven adiante as clases prácticas.

PRÁCTICAS EN EMPRESAS

Ademais, este tipo de formacións inclúe tamén a posibilidade de que os alumnos que superen o curso -ademais de obter o preceptivo certificado profesional de instalador de sistemas solares térmicos-  poderán tamén realizar 80 horas de prácticas profesionais en empresas. As prácticas estarán dirixidas e supervisadas por dous titores, un pertencente á Fundación Laboral da Construción e outro á empresa na que se realicen as mesmas. “Deste xeito o que se pretende é facilitar a inserción laboral dos alumnos que realizan estes cursos de formación ocupacional” indicou o alcalde.

AXUDAS ECONÓMICAS PARA O ALUMNADO

Villares lembrou tamén que aqueles alumnos que estean desempregados e inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia terán dereito a optar ás axudas económicas establecidas pola administración para os participantes deste tipo de ofertas formativas e de reinserción laboral.

O rexedor sinalou que en Cervo existe “dende hai anos” unha fluída colaboración con entidades adicadas á formación “e queremos seguir nesa liña de fomento e potenciación da celebración deste tipo de cursos dentro do termo municipal” adiantou. “Nesta liña de traballo se enmarcan accións coma o curso de ebanistería posto en marcha o pasado mes de abril en colaboración co Centro de Formación Ocupacional de Viveiro e a Xunta de Galicia, ou máis recentemente o Obradoiro de Emprego Terras de Azul Cobalto que comezou a funcionar a principios deste mes de xullo e que dará emprego durante un ano a 27 persoas” recalcou Villares.

“Queremos, pois, continuar profundando nesa liña de rendibilizar esforzos con todos os actores implicados de cara a contribuír á formación dos nosos traballadores para que poidan superar a actual crise laboral mediante unha mellor preparación profesional e para que poidan competir no mercado laboral coas máximas garantías”.

Exit mobile version