CERVO .- O Concello de Cervo, a través da concellería de Deportes e coa colaboración da empresa IG-10, organiza un torneo de tenis nas pistas do Club Deportivo Río Cobo do 4 ao 7 de agosto.
O concelleiro delegado de Deportes, Rubén Fernández, indicou que os partidos desenvolveranse en horario de tarde-noite. “Cando remate o prazo de inscrición e saibamos o número de participantes será cando podamos precisar os horarios” matizou o edil cervense.
Fernández tamén dixo que o prezo de inscrición para participar no torneo será de 12 euros e os interesados teñen de prazo ata o 1 de agosto para formalizar a súa inscrición. Haberá trofeos para o 1º e 2º clasificado. Para ampliar información poden dirixirse ao número de teléfono 626892177
Pistas de Pádel
Por outra banda, Rubén Fernández tamén lembrou que permanecen a disposición do público en xeral as pistas de pádel inauguradas na área de lecer do polígono de Cuíña o pasado mes de maio polo Concello de Cervo.
A utilización desta instalación deportiva de uso publico ten un prezo de 3,30 euros a hora, sendo o seu período máximo de reserva de hora e media e sen destinguir entre censados e non censados no concello. A pista de pádel está xestionada dende a piscina municipal e terá os mesmos horarios de utilización que esta. Nela (na piscina) é onde se deben facer as reservas e o pago pola utilización da pista. No momento de formalizar a reserva, os usuarios deberán deixar o seu carné de identidade cando vaian a retirar a chave da instalación e devolveráselles cando fagan entrega das chaves na piscina municipal.