Parece que pasou moito tempo desde aquel I Seminario de Jazz de Burela, mais a realidade é que só pasaron dous anos e xa estamos presentando a terceira edición do Seminario de Jazz e Música Moderna que terá lugar no mes de xullo deste ano 2010. Aquel primeiro proxecto que nacía con moitas ilusións, mais tamén porque non dicilo, con algún temor a non atinxir os obxectivos programados no que era o primeiro seminario destas características en Burela e en toda a Mariña, tornouse xa desde aquel momento un éxito que superou con creces todas as nosas expectativas. Naquel primeiro encontro, tan só dous profesores, José Nine e Javier Constenla, conseguían organizar en cinco días as clases teóricas e prácticas, as clases de “combo-conxunto instrumental” e toda unha serie de concertos durante catro dos cinco días de duración do Seminario. Conseguíase pois un duplo obxectivo: por un lado achegar distintos estilos das chamadas músicas modernas a rapaces e rapazas (e tamén a xente de mais idade) que habitualmente recibe unha formación de tipo clásico e por outro lado, dinamizar a vida cultural de Burela, ofrecendo unha alternativa lúdica e de lecer a unha poboación falta de eventos musicais deste tipo, que atopaba nestas actividades unha forma doada e atractiva de achegarse ao jazz e outros estilos musicais.
Mais por enriba destas dúas cuestións, hai aínda outra terceira que é a máis importante e destacábel de todas. Por enriba da aprendizaxe técnica dos rapaces e rapazas, por enriba da programación musical, está a ilusión e a actitude participativa coa que alumnado e público responderon a este I Seminario. Os propios profesores confesaban a súa grata sorpresa pola resposta dada polos mozos e mozas, que desde o primeiro momento se lanzaron a tocar e improvisar sen ningún tipo de complexo, sen ningún tipo de prexuízo e sen ningún afán competitivo, só co afán de participar, de gozar e de descubrir os segredos da improvisación musical. Tamén o público se amosaba entusiasmado de ver aquela xente nova que conseguía conectar con eles ao instante demostrando que se podía facer tanto con tan pouco.
Foi esta ilusión sen dúbida o motor daquel primeiro seminario e o motor que nos levaría á realización dun segundo seminario, este xa con máis profesores e unha programación musical máis completa. Pasábamos de dous a cinco profesores, programábamos un concerto diario, un máis que no ano anterior e duplicábamos o número de matrículas, de 20 a 40. Desde aquel entón, ven sendo moito o traballo realizado no día a día, na Escola de Música, nas agrupacións, nos intercambios con outras escolas… traballo que fai que o que era novidade hai só dous anos, sexa xa algo común na nosa actividade diaria, algo que forma parte da formación musical do alumnado e que se vai consolidando co paso do tempo.
Aí están as experiencias compartidas entre Estudio Escola e as escolas de música de Silleda e Burela, proxecto de colaboración coordinado por José Nine e que puxo en contacto a rapaces e rapazas de distintos centros facilitando o intercambio de coñecementos ao tempo que estimulaba o seu interese. Este traballo colaborativo, esta implicación por parte do profesorado do seminario, a resposta dada por parte dos nenos e nenas… fai que nos esixamos máis, que nos vexamos na obriga de programar máis e mellores actividades e fai que o que nacía con moitísimas ilusións e algún temor se convertese en algo habitual, en algo que pasou de ser novidade e interese por descubrir novas formas de ver e facer música a ser hábito e gañas de afondar, de continuar o camiño encetado.
Todo isto é o que nos produce hoxe, na presentación deste III Seminario, a sensación de ter pasado moito tempo desde a primeira edición. Estamos ante un III Seminario que mellora os anteriores na súa oferta docente e na súa programación. Este ano contamos cun profesor máis que na anterior edición, cubrindo deste xeito todas as seccións instrumentais: voz e guitarra da man de Leo Giannetto, vento madeira da man de José Nine, vento metal ao cargo de Santiago Cañada, piano ao cargo de Javier Constenla, baixo eléctrico da man de Quique Alvarado e batería e percusión ao cargo de Miguel Cabana. Isto implica maior especialización instrumental, ao tempo que garante a posibilidade de organizar máis e mellores combos e facer máis grupos segundo o nivel do alumnado. Tamén mellora a programación musical, aumentado un día os concertos con respecto ao ano anterior ao facer a presentación do Seminario o día antes ao do comezo das clases. Así, o domingo 18, teremos a actuación de luxo da S.E.M. Big Band (formación da escola de música Estudio, dirixida por Suso Atanes), á que farán de teloneiros os rapaces e rapazas da Burela Blues Band. O luns teremos un concerto a cargo do combo de profesores do seminario, o martes haberá unha sesión de improvisación por parte de alumnos e alumnas do seminario, o mércores actuará o Marcos Pin Trío, que interpretarán temas na liña máis xenuína e característica do jazz, o be bop. Xa o xoves actuará a formación local Marosa Jazz Project e finalizaremos o venres co concerto de fin de curso, no que poderemos apreciar e gozar co traballo realizado durante toda a semana polos rapaces.
Non cabe máis que desexar que todo corra da mellor forma posible e que tanto profesores como alumnos, tanto nais e pais como público en xeral teñades unha semana chea de boas e novas experiencias e que finalicemos esta semana desexando que chegue xa o próximo Seminario. Poñamos como única condición que tanto este, como os vindeiros seminarios, manteñan sempre o espírito co que naceu e o caracteriza.
Os organizadores