Site icon Crónica3.com A Mariña

Os destinos favoritos do programa Km0.Deputación foron o catamarán por Amandi e a Ría de Ribadeo

LUGO .- Un total de 16.885 persoas participaron no programa Km0.Deputación de Lugo dende que iniciou a súa andaina en setembro de 2008; xoves remata a súa segunda etapa. As rutas máis demandadas foron as de “Catamarán por Amandi” e “Ría de Ribadeo”. Os dous itinerarios foron elexidos por 5.000 persoas.

Nota de Prensa

Remata a segunda tempada de Km0 con preto de 17.000 participantes

– Dende que o programa iniciou a súa andaina en setembro de 2008, as rutas máis demandadas foron as de “Catamarán por Amandi” e “Ría de Ribadeo”, que foron elexidas por 5.000 persoas

– A modalidade Xtreme contou con preto de 600 participantes, predominando as viaxes en helicóptero e as actividades de multiaventura

– A Mariña e a Ribeira Sacra, destinos das seis rutas organizadas para esta semana dentro do programa impulsado pola Deputación

Un total de 16.885 persoas participaron no programa Km0.Deputación de Lugo dende que iniciou a súa andaina en setembro de 2008. Este xoves rematará a súa segunda etapa con grande éxito de participación. As rutas máis demandadas foron as de “Catamarán por Amandi” e “Ría de Ribadeo”. Os dous itinerarios foron elexidos por 5.000 persoas.

O programa medioambiental dispón doutras dúas modalidades Xtreme e Km0 a Compostela. No primeiro caso, participaron 540 persoas, das que 267 sobrevoaron a provincia en helicóptero; 75 redescubrírona a través da multiaventura, é dicir, tiro con arco, canoas e rastreo; 61 a cabalo; 38 coa ruta Lánzate ou tirolina; e 35 elexiron coa de Móllate, que inclúe vela latina, kayak, esquí náutico e catamarán.

Coa modalidade a Compostela a Deputación converteuse na primeira administración que puxo en marcha unha programación previa e estable ó Xacobeo. 70 persoas fixeron o Camiño con esta novidosa iniciativa, ademais de distintas personalidades da vida social galega e española como os humoristas As Cantareiras de Ardebullo; os deseñadores galegos que acudiron a Lugo co motivo da celebración da I Gala Muralla Lugo, dentro dos actos de Lugo 10 e do 15º aniversario do CENTRAD; os deportistas Fernando Romay, Chus Lago, o plantel do Leite Río Breogán e os campións nacionais de rallye, Sergio Vallejo e Luis Moya; colectivos como a Sociedade Española do Corazón –SEC-; directores de medios de comunicación de Galicia, ou autoridades como o Presidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla.

A Mariña  e a Ribeira Sacra

O Deputado da Rede Viaria Provincial, Juan José Díaz Valiño, recibiu este mércores no Pazo de San Marcos a 46 asistentes dos cursos internacionais da Universidade de Santiago de Compostela e a 55 membros da Asociación “Terceira Idade” de Monterroso. En total, 309 persoas participan esta semana nas últimas 6 rutas da iniciativa que iniciará a súa terceira tempada no mes de setembro.

No primeiro caso, viaxaron ata Ribadeo logo de visitar o Mazo de Santa Comba. Os cursillistas percorreron o centro de cultivos mariños, o convento das Clarisas e o casco histórico. Tamén fixeron unha travesía marítima pola ría. Pola súa banda, 55 membros da asociación “Terceira Idade” de Monterroso escolleron Cervo como destino da súa ruta, onde visitaron o eucaliptal de Chavín, o convento de Valdeflores, a cerámica Regal e o monte de San Roque.

No día de onte, 55 membros da Escudería Monterroso Sport visitaron a Mariña, despois de percorrer o Centro de Interpretación do río Miño. Concretamente, coñeceron o mirador de Bares e a illa Coelleira, ademais da praia de Arealonga, a casa antiga de salazón, o porto e o mirador de San Román. Ese mesmo día 48 veciños de Viveiro elexiron a Ribeira Sacra. Concretamente, visitaron o Cabo do Mundo e a adega Vía Romana, situada na zona dos Peares.

Finalmente, o xoves 48 membros da asociación cultural “Arumes” do Corgo visitarán o Centro de Interpretación do río Miño e Ribadeo, municipio no que coñecerán a illa Pancha, o castelo de San Damián e o casco histórico. O último grupo, que pecha a segunda tempada do programa, está formado por 55 veciños de Palas de Rei que viaxarán ata Foz, onde farán un percorrido polas praias de Llas, Rapadoira e Arealonga. Completarán o itinerario cunha visita ós hórreos, ó porto e á capela de San Bartolo.

Exit mobile version