A MARIÑA .- As organizacións sindicais da Mesa Sectorial de Sanidade solicitan a retirada do decreto de xestión integrada de área e a negociación do Plan de Ordenación de Recursos Humanos. Piden que se dedique a estas negociacións o tempo necesario, ata conseguir que se acade un acordo cun amplo apoio social, na procura duns sistema sanitario público de calidade
Nota de Prensa
Fixeron entrega dun escrito dirixido á Directora Xeral de Recursos Humanos do Sergas
As organizacións sindicais da Mesa Sectorial de Sanidade solicitan a retirada do decreto de xestión integrada de área e a negociación do Plan de Ordenación de Recursos Humanos
Remitimos o escrito presentado na xuntanza da Mesa Sectorial celebrada o martes 27 de xullo.
A/A Dirección Xeral de RR.HH. do SERGAS
Santiago, 27/07/2010
As organizacións sindicais (OO.SS.) con representación na Mesa Sectorial de Sanidade puidemos comprobar, nas últimas xuntanzas da mesa, a existencia dunha inexplicable presa por parte da Administración para sacar adiante e atropeladamente, e aproveitando os días previos ás vacacións estivais, as bases de dous temas da maior transcendencia en materia de persoa e asistencial como son os de Xestión Integrada e o do Plan de Ordenación de Recursos Humanos do SERGAS.
Para as OO.SS. é sorprendente que noutros temas de bastante menor transcendencia, a administración sanitaria ten demorado a súa negociación e ten multiplicado as xuntanzas da Mesa Sectorial de Sanidade; e sen embargo, pretenda agora despachar a toda presa os Decretos de Xestión Integrado e do Plan de Ordenación de RR.HH., que teñen unha extraordinaria importancia para o futuro da sanidade pública galega e unha elevada repercusión laboral e social sobre o persoal do SERGAS.
Para todas as OO.SS. representadas na Mesa Sectorial de Sanidade, non é de recibo a dinámica que está impoñendo o SERGAS, en tan importantes temas; e non vale o argumento de que logo van desenvolvelos de xeito consensuado na mesa sectorial. Queremos que, no mes de setembro, se retomen estes temas sen condicionamentos e con todos os datos necesarios enriba da mesa: cadros e ratios de persoal, clara distribución e condicións dos medios dispoñibeis nos hospitais, nas actuais Direccións Provinciais, Centros de Saúde, PACs, etc.
Para poder abordar estes temas da maior importancia para o futuro da sanidade pública galega, as OO.SS. que asinamos este escrito SOLICITAMOS que se dedique a estas negociacións o tempo necesario, ata conseguir que se acade un acordo cun amplo apoio social, na procura duns sistema sanitario público de calidade.