Nota de Prensa
As Directrices de Ordenación do Territorio impiden edificar en Vilaronte, Forxán, Fazouro, Nois e Cangas
Basanta denuncia que o PP manda a Foz a segunda división
Foz, 8 de xullo de 2010.- O Consello Local do Bloque Nacionalista Galego de Foz acordou na súa xuntanza do pasado luns proceder a solicitar unha modificación das disposicións que as Directrices de Ordenación do Territorio, actualmente en fase de aprobación inicial e xa que logo sometidas á fase de alegacións, establecen para o Concello de Foz, nomeadamente no que teñen a ver coa consideración do referido Concello e por outra banda no relativo aos Núcleos de Identidade Litoral.
Os nacionalistas lembran que Directrices de Ordenación do Territorio establecen para Galiza as áreas metropolitanas articuladas arredor das sete cidades, o sistema urbano intermedio para os núcleos de entre 7.000 e 20.000 habitantes e os nodos de desenrolo para ás areas rurais. Neste sentido O Portavoz do BNG de Foz, Xoán Carlos Basanta, considera que “non é de recibo que se proceda a definir o Concello de Foz como subcabeceira do sistema urbano intermedio, cando as determinacións das Directrices asocia as mesmas aos nodos rurais, facendoo depender de Viveiro ou Ribadeo”. “Foz cumpre todos os requisitos para ser definido como cabeceira do sistema urbano intermedio por poboación, dimensión e densidade de poboación, ademais do feito de que se clasifique como subcabeceira significa que o noso Concello non poderá acoller servizos de carácter supramunicipal (P.Ex, un PAC) ou que a dotación de VPP ou solo empresarial estea condicionada as necesidades das cabeceiras da Comarca” afirmou o Portavoz do BNG quen criticou que outra vez máis “o PP manda a Foz a segunda división”. Os nacionalistas esixen que a Xunta de Galiza aclare as razóns que levaron á Xunta a sencundarizar a Foz nas Directrices, que explique por que nas determinacións das mesmas se homologan os nodos e as subcabeceiras e demandan unha rectificación na consideración que se lle dá a Foz.
O Portavoz Municipal do BNG que informou que as Directrices de Ordenación do Territorio que se aproban con trece anos de retraso para evitar os problemas de legalidade que se criaban co POL, xa que era necesario a aprobación inicial destas, antes que a do Plano de Ordenación do Litoral deixan ao descuberto as mentiras da Xunta en relación cos núcleos de identidade litoral e polo tanto a imposibilidade de usos residenciais en Vilaronte, Forxán, Fazouro, Nois e Cangas. Neste sentido Basanta recordou que o “Sr Borobio comprometeuse cos portavoces dos grupos da corporación focega, cos redactores do PXOM e cos servizos técnicos do Concello a incluír Vilaronte, Forxán, Fazouro, Nois e Cangas como núcleos de identidade litoral a fin de que se puidese edificar tanto nas Directrices como no POL. Agora está claro que faltou a súa palabra, e isto ten difícil solución na medida que o POL ten que axustarse as directrices.” O Portavoz Nacionalista lembrou tamén que existe un acordo unánime da Corporación a fin de que se recoñezan estes núcleos e agarda que esta unanimidade se manteña de cara o futuro pois esta proposta hipoteca a posibilidade de usos residenciais fora do que é a Vila.” Primeiro desde a indiferenza afirmábase que o BNG alarmaba, cando tivo que exercer do Goberno e explicarlle aos veciños o POL, despois cando os redactores do PXOM nos deron a razón déronse por contentos coas explicacións de Borobio e hoxe as Directrices fan bos os temores do BNG”, lembrou Basanta que esixiu “responsabilidade e lealdade aos grupos da Corporación neste tema”.
Xa por último, desde o BNG de Foz anunciouse que presentara unha moción no próximo pleno a fin de que a Corporación alegue as Directrices no sentido de que Foz pase a ser considerada como cabeceira pero tamén para garantir que non se hipotequen os usos residenciais fóra do que é o casco urbano.