Site icon Crónica3.com A Mariña

O telecentro de Ribadeo remata o segundo trimestre do ano con 50 usuarios máis

RIBADEO (FNC) .- O Telecentro continuou no 2010 co seu traballo decidido a prol da inmersión da sociedade galega nas novas tecnoloxías en Ribadeo. No trimestre que remata impartiu un total de 7 obradoiros tecnolóxicos durante 47 horas, a través dos que se formou a 46 persoas.

Os obradoiros impartidos nos meses de abril, maio e xuño foron tanto de alfabetización dixital básica – como son os de iniciación a internet ou o de saúde na rede-, así coma outros máis avanzados como o de procesador de textos writer, manexo do escáner, edición de imaxes co programa Gimp, coñecemento e uso do mp3 e finalmente o de música e radio na internet, que poñen de manifesto a grande diversidade formativa que se oferta en Ribadeo.

Asemade, no segundo trimestre do ano 50 persoas inscribíronse como usuarios do Telecentro para poder aproveitar -sempre de xeito gratuíto- as instalacións e todas as iniciativas que ésta oferta nas horas de aula aberta, que foi utilizada en máis de 1.100 ocasións. Desde que botara a andar en Ribadeo a finais do 2007 foron xa 1.113 os usuarios e usuarias que fixeron o carné do Telecentro. Neste tempo leváronse a cabo 115 obradoiros nos que se formou a 783 participantes.

Para inscribirse ou solicitar máis información sobre as actividades do Telecentro os interesados poden dirixirse á Casa da Xuventude (Rúa/ Antonio otero, 15), chamar ao teléfono 982.120.732 ou mandar un correo electrónico ao enderezo: telecentroribadeo@gmail.com

Exit mobile version