CERVO .- A Concellería da Muller do Concello de Cervo, que preside Pilar Armada, inaugurará o vindeiro sábado, 3 de xullo, ás 18.00 horas a mostra ‘Mulleres, artistas, pintoras, luguesas’ na sala de exposicións do Centro Cultural e de Servizos para a Cidadanía de Cervo.
A exposición recolle unha escolma dos traballos de 24 pintoras nacidas ou residentes na provincia de Lugo e está patrocinada e promovida pola delegación territorial da Xunta de Galicia. Segundo indicou a responsable da área local da Muller, a mostra chega a Cervo tralo seu paso pola capital da provincia. “Esta foi unha das actividades programadas dende a delegación territorial da Xunta co gallo do Día Internacional da Muller Traballadora e despois de ter unha moi boa acollida de público e críticas agora temos a oportunidade de poder disfrutar destas obras na nosa comarca e máis concretamente en Cervo” indicou Pilar Armada.
Artistas invitadas
A mostra que se poderá ver no núcleo de Cervo ten unha particularidade respecto á exposición orixinal. Segundo indicou Armada, ademais dos cadros pertencentes á exposición, tamén se incluirán obras de tres artistas locais, “para dar así a oportunidade de dar a coñecer tamén o panorama de creación artística das mulleres do noso municipio” salientou a edila.
A mostra abrirá as súas portas o vindeiro sábado, 3 de xullo, e está previsto que acuda á súa inauguración a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias. A exposición permanecerá aberta por un período de 15 días en horario de 8.00 a 14.00 h.