Nota de Prensa
O deputado lembra que á protesta asistiron miles de cidadáns
REGO RECLAMA EXPLICACIÓNS NO PARLAMENTO, POLA CENSURA DA CRTVG, DA MANIFESTACIÓN CELEBRADA NA MARIÑA EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA
– O deputado do PSdeG-PSOE Ismael Rego advirte que esta reivindicación parece que lles pasou desapercibida aos rexedores da CRTVG, xa que “consideraron que non merecía a pena dala a coñecer a todas as galegas e a todos os galegos, censurándoa tanto no TX das 14.30 h. como no das 20.30 h., seguro que por consideralo un exceso de pluralidade informativa no medio público”
– Pregúntalle ao Director Xeral da Compañía Publica que pensa que é de maior transcendencia informativa para o interese xeral de tódolos galegos; que o alcalde de Barreiros ocupe minutos de TVG para explicar como destrozou urbanisticamente o seu concello, ou que os cidadáns desa comarca expresen o seu rexeitamento ao deterioro que está a sufrir a sanidade pública?
Burela , 17 de xullo de 2010. O deputado do Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE Ismael Rego anunciou que rexistrou unha iniciativa na Cámara na que reclama explicacións pola censura da CRTVG da manifestación celebrada o pasado día 26 de xuño, en Burela, en defensa da sanidade publica.
O deputado do PSdeG-PSOE di que o pasado día 26 de xuño manifestáronse en Burela miles de persoas de toda a Mariña luguesa para protestar contra o grave deterioro e incerteza que está a sufrir a sanidade pública nesta zona. Asegura que os motivos desta protesta foron a descapitalización que está a sufrir o Hospital da Costa, o incremento insoportable das listas de espera e os desprazamentos de pacientes a outros centros de referencia. Rego tamén sinalou a posible creación dunha única área sanitaria na provincia, e denuncia que esta cuestión “téñena denunciado os propios profesionais, xa que implicaría unha grave perda de autonomía sobre a xestión e organización dos recursos, en función das necesidades da zona para unha atención máis áxil e máis humanizada na atención aos doentes”.
Con estes argumentos Rego advirte que a esta reivindicación parece que lles pasou desapercibida aos actuais rexedores da RTVG, xa que “consideraron que non merecía a pena dala a coñecer a todas as galegas e a todos os galegos, censurándoa tanto no TX das 14.30 h. como no das 20.30 h., seguro que por consideralo un exceso de pluralidade informativa no medio público”, aseverou . E proseguiu coas súas criticas “un medio que pagan os cidadáns cos seus impostos”.
Por todo isto o deputado rexistrou unha iniciativa na que reclama saber;
-Cal foi a razón pola que os telexornais das 14.30 horas e 20.30 horas, do día 26 de xuño non se recollese ningunha información, nin referencia á manifestación celebrada na Mariña luguesa na defensa da sanidade pública nesta zona?
– Cre o director xeral da Compañía que co elenco de noticias recollidas en ambos os dous telexornais pode xustificarse que non aparecese ningunha referencia a unha manifestación de miles de cidadáns na defensa dun servizo público como é a sanidade?
-Pensa o director xeral que é de maior transcendencia informativa para o interese xeral de todos os galegos que o alcalde de Barreiros ocupe minutos de TVG para explicar como destrozou urbanisticamente o seu concello, que os cidadáns desa comarca expresen o seu rexeitamento ao deterioro que está a sufrir a sanidade pública?