Nota de Prensa
O deputado xestionou e participou nunha xuntanza co Patrón Maior da Confraría de Burela e o xerente e presidente da empresa ABSA, na que Isabel Vila Barbosa, directora xeral de Infraestruturas deu conta das previsións do Goberno galego ao respecto desta obra de interese estratéxico
A XUNTA CONFÍRMALLE A JOSÉ MANUEL BALSEIRO O DESBLOQUEO DAS OBRAS DO ACCESO AO PORTO DE BURELA, QUE ESTARÁN REMATADAS EN 2012
* Unha vez resolto o proceso xudicial, a Xunta aprobará o novo proxecto este mes, someterao a exposición pública e a principios do 2011 iniciará as súas obras que teñen un prazo de execución previsto de 12 meses.
* Balseiro salientou a importancia desta nova estrada que permitirá que todos os vehículos pesados que hoxe se ven obrigados a pasar polo centro desta vila acceder directamente ata o peirao pesqueiro e comercial.
Santiago, 7 de xullo de 2010.- O deputado popular José Manuel Balseiro Orol participou nunha xuntanza que mantiveron o xerente e o presidente da empresa Armadores de Burela (ABSA) e o Patrón Maior da Confraría de Pescadores con Isabel Vila Barbosa, directora xeral de Infraestruturas, na que se deu conta das previsións do Goberno galego ao respecto do desbloqueo dunha actuación de interese estratéxico para esta localidade como é o acceso ao porto pesqueiro.
No encontro, a Xunta confirmou que unha vez superados os atrancos para levar adiante esta actuación, o Goberno galego ten previsto iniciar as obras a principios do ano que vén e executalas nun prazo máximo de 12 meses o que suporía que estarían rematadas e en servizo no 2012. A Xunta explicou que xa está resolto o proceso xudicial que mantiña paralizada esta infraestrutura. Agora a finais deste mes rematarase o novo proxecto desta estrada –que foi modificado para que esta discorra por baixo da vía de FEVE-, que pasará a exposición pública para o trámite de alegacións.
Balseiro salientou a importancia deste novo acceso ao porto de Burela que permitirá que todos os vehículos pesados e transportes de mercadorías que hoxe se ven obrigados a pasar polo centro desta vila, poidan evitar o actual itinerario empregando a nova estrada e acceder directamente ata o peirao pesqueiro e comercial.
A xuntanza, que foi xestionada polo deputado Balseiro a petición de ABSA e a Confraría de Pescadores tamén estivo presente o subdirector xeral de Estradas da Xunta, Luis Miguél Muñoz.