SANTIAGO .- O operador público de telecomunicacións Retegal reforza as súas infraestruturas na provincia de Lugo para avanzar na implantación da banda larga. O goberno galego investirá arredor de 18 millóns de euros na provincia para que no 2013 o 86,87% dos lugueses teñan acceso á banda larga a través de redes fixas, sen fíos e de nova xeración e o 13% restante a través de satélite.
Nota de Prensa
O OPERADOR PÚBLICO RETEGAL REFORZA AS SÚAS INFRAESTRUTURAS NA PROVINCIA DE LUGO PARA AVANZAR NA IMPLANTACIÓN DA BANDA LARGA
o Esta actuación, integrada nunha das liñas estratéxicas do Plan de Banda de Banda Larga da Xunta, terá un investimento de máis de 7,7 millóns de euros ata 2013
o En total, o Goberno galego investirá arredor de 18 millóns de euros na provincia para que no 2013 o 86,87% dos lugueses teñan acceso á banda larga a través de redes fixas, sen fíos e de nova xeración e o 13% restante a través de satélite
Santiago, 31 de xullo de 2010. – O operador público de telecomunicacións Retegal está a desenvolver un importante plan de reforzo das súas infraestruturas na provincia de Lugo, segundo o previsto nunha das liñas estratéxicas do Plan de Banda Larga 2010-2013, impulsado por la Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia.
O Plan contempla entre as súas accións fundamentais a potenciación do operador público Retegal dotándoo de máis medios, capacidades e converténdoo nunha ferramenta que permita optimizar e acelerar a extensión da banda larga. Esta medida permitirá o aproveitamento de toda a infraestrutura pública actual e a redución dos custos do despregamento.
O investimento previsto para reforzar as infraestruturas de Retegal na provincia luguesa superará os 7,7 millóns de euros no período 2010-2013, o que supón o 23% dos investimentos totais previstos pola Xunta na Comunidade para esta acción concreta do Plan de Banda Larga 2010-2013.
200 novos quilómetros de fibra óptica
A principal liña de investimento desta actuación será o tendido de máis de 200 novos quilómetros de fibra óptica para unir diversos centros de telecomunicacións de RETEGAL distribuídos pola provincia de Lugo e que permitirá a conexión destes á alta velocidade. Estes centros uniranse tamén co resto dos 400 centros e microcentros de telecomunicacións de Retegal en toda Galicia mediante radioenlaces.
Outras liñas de investimento que se están a realizar implican a execución de novos centros de telecomunicacións ou o reforzamento dos existentes, construíndo novas torres, dotándoos de sistemas de alimentación eléctrica ou acondicionando as instalacións á fin de poder prestar servizos de telecomunicacións axeitados. Sobre esta infraestrutura física se está a constituír tamén unha rede de transmisión de alta velocidade mediante tecnoloxías de última xeración (MPLS e WDM), con taxas de transferencia de 10 GB entre localizacións de Retegal.
Este despregamento permitirá dispoñer da infraestrutura de telecomunicacións necesaria para que os operadores privados de telecomunicacións poidan proporcionar servizo de acceso a internet de banda ancha aos cidadáns cuxa residencia se sitúa nas denominadas “zonas brancas” polas directivas europeas de telecomunicacións, é dicir, áreas nas que non existe infraestrutura de banda ancha ou nas que non é probable que se desenvolva de inmediato.
Plan de Banda Larga
O reforzo das infraestruturas do operador público Retegal é unha das liñas estratéxicas do Plan de Banda Larga 2010-2013 que está a desenvolver a Xunta para achegar Internet de calidade a todos os galegos. O Plan, que conta cun orzamento total de 232 millóns de euros, prevé un investimento global na provincia de Lugo de arredor de 18 millóns de euros co obxectivo de reverter a situación actual na que un 45,6% dos habitantes da provincia non teñen acceso á banda larga. A previsión do Plan é que no 2013 o 86,87% dos habitantes da provincia de Lugo teñan acceso á Internet a través de redes fixas, sen fíos e de nova xeración e o 13% restante accederá a través de satélite, xa que as características orográficas da provincia e a dispersión poboacional non fan posible o acceso á Rede a través doutros sistemas.
Este 13% de poboación non quedará sen servizo senón que o recibirá a través doutro tipo de tecnoloxía. O feito de que esta porcentaxe se reduza a preto do 5% noutras provincias resposta ás características orográficas das mesmas.
Inicio do Plan en Lugo
O Plan prioriza á provincia de Lugo por ser a que máis acusa a fenda dixital. Por iso, a Xunta de Galicia puxo xa en marcha a primeira fase de implantación do Plan en 22 concellos do sur da provincia luguesa xunto con 5 da Ribeira Sacra ourensá e 1 municipio de Pontevedra. Ademais, estase potenciando en toda a provincia a infraestrutura do operador público Retegal, como paso previo para poder achegar a banda larga a todos os lugueses.
Para proporcionar cobertura a estes 28 concellos da primeira fase do PBL implantaranse ata finais 2013 redes fixas, sen fíos e de nova xeración (NGAs). Estas actuacións permitirán, xa a finais de 2010, pasar dunha porcentaxe do 37% de poboación con cobertura a máis do 60% de poboación con acceso Rede nestes 28 municipios máis afectados pola fenda dixital.