CERVO .- A concelleira popular no Concello de Cervo, Pilar Armada, en calidade de portavoz do Goberno local, preguntouse esta tarde se os dirixentes provinciais “teñen pensado seguir vindo moitas veces máis a facerse fotos e a publicitar unha obra que foi proxectada e presupostada en máis dun 60% polos anteriores responsables da Deputación”.
A representante do Goberno cervense sae así ao paso da noticia difundida pola Deputación sobre a visita do seu titular Gómez Besteiro á estrada provincial que une as parroquias de Rúa e San Román co veciño municipio de Burela. “Gustaríanos saber cantas veces máis van facer a mesma inauguración, aínda que vindo de quen ven tampouco nos colle por sorpresa”.
Armada tamén quixo lembrar que cando o Partido Popular tiña a responsabilidade de Goberno na Deputación lucense adxudicou estes traballos cuxo custe final ascende a preto dun millón de euros. En agosto de 2006 o ente provincial destinou 420.000 euros para que a empresa Cazas SL executara estas obras desde a estatua do filántropo D José Álvarez ata Burela “incluída a construción da ponte sobre o río Xunco na que convocaron á prensa”. En novembro de 2006, o Ente Provincial aprobou unha achega de 360.500 euros para que a empresa Isidro Otero executase as obras desde a estatua do filántropo D. José Álvarez ata Rúa.
Malia que non se trataban dunhas actuacións tecnicamente complicadas, co cambio de xestores na Deputación provincial, tras o acceso do Partido Socialista e o Bloque Nacionalista Galego, estas obras sufriron un parón, “e desde entón esta obra caracterizouse polas demoras que afastaron no tempo a finalización dos traballos”. O Goberno municipal lembra ademáis que foron innumerables os escritos, rogos, peticións e reclamacións remitidas desde o Concello de Cervo ata a Deputación Provincial reclamando acelerar estas obras e, de xeito especial, poñendo de relevo as problemáticas que estaban a xurdir como consecuencia do atraso na execución das mesmas. Lembran así por exemplo que o Goberno provincial “mantivo durante meses o treito entre Rúa e San Román sen asfaltar e sen retirar os postes do tendido eléctrico que obstaculizaban o camiño e supoñían un risco de colisión”. Incluso o propio Concello tivo que executar, con persoal e medios municipais, a disposición de zahorra para tapar as fochancas e mellorar o perfil desta estrada cando permanecía en terra, ante a falta de interese do Goberno provincial.
“Mesquiños”
Para Armada os responsables provinciais “pensan que a xente é idiota” cando afirman que o anterior Goberno provincial tiña pensado deixar a estrada a medio asfaltar. “Esas afirmacións que propagan estes señores diante da opinión pública son mesquiñas e absurdas. A obra estaba proxectada e programada nunha seguinte fase, pero co cambio de Goberno provincial esa responsabilidade recaeu neles, aínda que dilataron este trámite todo o posible para tentar pasar por seren os promotores desta obra” e recalcou que a obriga do Goberno provincial debería ser a licitación e adxudicación das obras de asfaltado de xeito inmediato “toda vez que o Executivo do PP na Deputación xa deixou todas as fases anteriores contratadas e cos cartos consignados”.
Ningunha obra nova en tres anos
Por último, a edil cervense recordou que “a pesares de tantas fotos reiterativas” o Goberno provincial “aínda non fixo nin unha soa obra nova en Cervo nos tres anos e medio que leva á fronte da Deputación”. Por isto, cominou aos responsables provinciais “a menos xogos de artificio e que fagan o esforzo inversor semellante ao feito noutros concellos veciños que casualmente coincide coa súa cor política”