Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno municipal asegura que o saneamento de Cervo e Figueirido está comprometido “en papeis oficiais”

CERVO .- “En Cervo vanse levar adiante os saneamentos da Senra, Figueirido e Cervo; e tamén a praza dos Campos de San Ciprián” asegura o goberno municipal de Cervo. Explican que “a construción da praza dos Campos de San Ciprián enmárcase dentro dun convenio firmado entre o Concello e a Consellería de Infraestruturas ao abeiro do Plan Hurbe” e o saneamento de Cervo e Figueirido está comprometido “en papeis oficiais”.

Nota de Prensa

ARMADA CREE QUE AS CRITICAS DA OPOSICIÓN SOBRE A PRAZA DOS CAMPOS SON PROPIAS DE “IGNORANTES POLÍTICOS”

* A representante do Goberno local lembrou que o saneamento de Cervo e Figueirido está  comprometido “en papeis oficiais”

* Tamén rexeitou as acusacións de priorizar inversións e recordou que os expertos en baleirar de investimentos a Cervo foron os socialistas na súa etapa no bipartito da Xunta

* “Por moito que lles pese e por moitas pegas que sigan poñendo desde Psoe, en Cervo vanse levar adiante os saneamentos da Senra, Figueirido e Cervo; e tamén a praza dos Campos de San Ciprián”

Cervo, 17 de xullo de 2010.- A concelleira de Medio Ambiente do Concello de Cervo, Pilar Armada, quixo saír hoxe ao paso das acusacións vertidas polos membros da oposición contra o grupo de Goberno local en relación á futura creación dunha praza pública e zona de ocio en San Ciprián.

A edil cervense afirmou rotundamente que as “insidias” vertidas polos representantes do partido socialista “son máis propias de ignorantes políticos ou de intrigantes de medio pelo ca duns representantes públicos”. Neste sentido indicou que “só os idiotas” poden crer que o Concello de Cervo supedite a creación da futura praza dos Campos ao saneamento de Cervo e Figueirido.

Segundo Armada, as criticas socialistas “contéstanse por si soas, porque a diferencia do que eles facían cando tiveron responsabilidades de goberno na Xunta, os compromisos de investimentos para crear a praza de San Ciprián e o saneamento de Cervo-Figueirido están plasmados en papeis oficiais”. A representante cervense recordoulles aos socialistas que o saneamento de Cervo e Figueirido é unha obra adxudicada en xaneiro pasado e que o atraso das obras débese a unha modificación da ubicación da EDAR proposta polos propios técnicos do proxecto. “Trátase, pois, dunha obra consignada economicamente e cuxa adxudicación figura no DOGA e que se fará cumprindo os prazos previstos no prego de condicións” recalcou.

Así  mesmo puntualizou que o investimento para a construción da praza dos Campos de San Ciprián enmárcase dentro dun convenio firmado entre o Concello e a Consellería de Infraestruturas ao abeiro do Plan Hurbe, proxecto promovido pola Xunta de Galicia que busca a mellora da calidade dos espazos urbanos e do cal se beneficiarán outros 40 concellos galegos ademais de Cervo. “Por iso non aparece unha consignación orzamentaria específica deste investimento nos orzamentos da Xunta, se non que forma parte dunha actuación xenérica de ámbito autonómico e polo tanto, nada ten que ver unha cousa coa outra. Se o que pretenden estes señores é confundir á opinión pública con acusacións veladas de transvase orzamentario están moi equivocados porque a xente, gracias a Deus, non é tan idiota como eles pensan porque por moito que lles pese e por moitas pegas que sigan poñendo desde Psoe, en Cervo vanse levar adiante os saneamentos da Senra, Figueirido e Cervo; e tamén a praza dos Campos de San Ciprián”.

Os socialistas, expertos en baleirar de investimentos a Cervo

Para o edil do grupo de Goberno local, estas acusacións dos socialistas deixan en evidencia a súa “desesperación” ao comprobar que a actual Xunta de Galicia está a facer un esforzo inversor “que o seu partido político non só nunca fixo cando tivo responsabilidades de Goberno na Xunta, se non que aínda por riba foron responsables de accións semellantes ás que agora nos acusan de facer sen ter ningún tipo de fundamento. E se non, que nos expliquen por que cando gobernaba o bipartito na Xunta decidiron levar o parque de bombeiros comarcal cara a Viveiro, ou rescindir o saneamento de San Ciprián, ou anular a área industrial compartida con Xove no entorno de Alcoa , ou reducir os ingresos de tódolos cervenses mediante unha decisión do Goberno ZP de revisión catastral de determinados solos industriais”.

Por todo isto, a concelleira popular cervense recomendoulles aos socialistas locais “menos maquinacións palaciegas” e animounos a traballar en aras do interese xeral de tódolos veciños do municipio “e non a propagar especulacións e bulos tendenciosos que so buscan tapar a súa nefasta xestión con Cervo cando tiveron a oportunidade de facelo”.

Exit mobile version