O edil José González Legazpi sinalou que “o Concello de Burela ven facendo un importante esforzo por acadar cada ano máis protagonismo neste certame, atopándose por tanto presentes con stand propio durante todo o certame e dotando de relevancia as presentacións da feira do bonito con degustacións, que foron mellorando cada ano”. O concelleiro nacionalista lembrou que “o pasado sábado foi a xornada adicada a Burela, téndose presentado durante a maña a feira do bonito que acada este ano a súa XXVI edición, e polo serán tivo lugar a degustación de bonito, que representou un total éxito dentro do certame de FIMO. É de destacar o que se informa neste senso polos distintos medios de comunicación, outros concellos seguen o exemplo de Burela na divulgación dos seus produtos típicos, posicionando deste xeito ao noso Concello xunto co de Viana do Castelo, como claros referentes de promoción turística e gastronómica no certame de Punta Arnela”.
No transcurso da presentación en nome do Concello de Burela, o delegado de Turismo, González Legazpi, facía mención entre outras cousas “ao binomio de interese que se daba en FIMO Ferrol referíndome á importancia de atoparnos nun certame próximo a cumprir medio século de existencia e de grande repercusión na eurozona e á súa vez á importancia da feira do bonito de Burela declarada de interese turístico de Galicia e que ven sendo presentada no Ferrol nos últimos tempos, fundamentándose de tal xeito a existencia dunha dualidade de factores positivos e recíprocos que sen dúbida son xeradores de potencialidade”. O responsable de Turismo agradecía publicamente e de forma explícita ao remate do acto de presentación “a S.C.R. Ledicia pola súa excelente disposición e colaboración en todo momento, facendo entrega de distintos agasallos do Concello á súa presidenta Rocio Rivera, e tamén aos seus directivos Santiago Rivera e Benedicto Fernández que formaron parte da delegación que viaxou a Ferrol”.
González Legazpi subliñou “a satisfacción da delegación desprazada a Ferrol por ver como os esforzos realizados acadan protagonismo e favorecen claramente a importancia do noso Concello como referente turístico e gastronómico dentro dun espazo feiral da importancia de FIMO e a súa transcendencia, que de seguro nos reportará tamén relevancia como Concello de destino turístico dentro da comarca da Mariña”.