BURELA (FNC).- A concelleira de Educación, Lucía Bouza, tilda de éxito o primeiro curso interdisciplinar de música que se ven celebrando en Burela desde o pasado luns. A edil convida aos veciños a asistir aos concertos previstos para hoxe e mañá ás 20:30 horas no auditorio municipal.
Bouza sinala que “o curso é interdisciplinar porque participa todo o claustro da Escola de Música de Burela e ademáis hai dúas profesoras convidadas, Irina Bunkova e Tamara Lorenzo Gabeiras, que veñen a ampliar a oferta formativa”. Bunkova comenzou os estudios de piano con cinco anos, e posteriormente os de canto, obtendo a titulación superior en Dirección Coral. Tras chegar a España decidiu graduarse en canto e piano no Conservatorio Superior de Vigo. E Tamara Lorenzo está a realizar un máster en interpretación pianística na Manhattan School of Music de Nueva York, e é titulada superior nas especialidades de piano e música de cámara polo Conservatorio Superior de Música da Coruña.
A concelleira socialista suliña que “alumnos e profesores amosarán o traballo realizado durante toda a semana en dous concertos previstos para hoxe e para mañá respectivamente. Serán ás 20:30 horas no auditorio municipal. Invitamos a todo o mundo a acudir aos concertos, a entrada é libre”.
Lucía Bouza engade que “no curso, que se desenvolve do 12 ao 16 de xullo, participaron 50 alumnos, unha cifra a ter en conta posto que a Escola ten 100 matriculados e que a metade participen nesta primeira cita é todo un éxito”.