Nota de Prensa
Os responsables da obra tamén están á espera da concesión do subministro eléctrico para a ETAP da Senra
O REMATE DAS OBRAS DA NOVA REDE DE AUGA A CERVO E BURELA PERMANECE SUPEDITADO AO PERMISO DE FOMENTO PARA CRUZAR A N-642 EN RÍO COBO
* Na reunión do consorcio desta mañá baralláronse os meses de setembro-novembro como data da posta en funcionamento do novo subministro
* Augas de Galicia asumirá os custes de xestión do Consorcio durante os tres primeiros meses do seu funcionamento
Cervo, 14 xullo de 2010.- Os integrantes do consorcio para a xestión e explotación da futura rede de auga aos concellos de Cervo e Burela mantiveron esta mañá unha xuntanza na que ademais de aprobar por unanimidade as liquidacións dos orzamentos dos exercicios 2006, 2007, 2008 e 2009; e aprobar tamén de xeito inicial os presupostos do presente exercicio 2010 abordáronse outros temas coma o grao de evolución dos traballos desta infraestrutura hidráulica que dará servizo aos dous concellos.
Segundo indicou o alcalde cervense, Alfonso Villares, os membros do consorcio interesáronse diante da dirección de obra sobre a evolución dos traballos e os prazos para o seu remate. “Dixéronnos que as obras marchan a bo ritmo, aínda que tamén nos confirmaron que actualmente se atopan cunha serie de atrancos e incógnitas administrativas que lles impiden dar unha data de cando podería estar en funcionamento esta rede de abastecemento de auga” sinalou o primeiro edil de Cervo.
Os atrancos que están supeditando o remate das obras e a posta en marcha do novo subministro residen, segundo dixo Villares, en que o Ministerio de Fomento aínda non respondeu aos responsables dos traballos sobre o modo de levar adiante a solución técnica para cruzar as canalizacións pola estrada Nacional N-642 no núcleo de Río Cobo “e tamén falta a contestación definitiva para a acometida eléctrica das instalacións da depuradora da Senra” indicou Villares.
Gastos a cargo de Augas de Galicia durante 3 meses
Aínda así, o alcalde de Cervo indicou que os responsables da obra esperan que estes atrancos se solucionen nas vindeiras semanas e o abastecemento conxunto comece a funcionar entre os meses de setembro e novembro.
Ademais, durante a xuntanza a responsable de Augas de Galicia e presidenta do Consorcio, Ethel Vázquez, anunciou aos responsables municipais que o organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente correrá cos gastos de funcionamento do Consorcio durante os tres primeiros meses do seu funcionamento, “algo do que temos que estar moi agradecidos á Xunta e a Augas de Galicia” recalcou o alcalde.
Alfonso Villares recordou tamén que esta nova infraestrutura hidráulica será moi beneficiosa para os dous concellos, “xa que por unha banda teremos garantido o subministro de auga en tódalas épocas do ano e por outra vaise aumentar dun xeito máis que considerable a calidade de dita auga”.
Nova reunión en setembro
O alcalde de Cervo sinalou tamén que os membros do Consorcio reuniranse novamente en setembro “e neste espacio de tempo tentaremos profundizar nas distintas opcións que temos para reducir os custes que nos poida ocasionar dito consorcio” indicou.
Por último, Villares recordou que no momento en que entre a funcionamento este novo subministro compartido con Burela corrixirase o desequilibrio que viña sufrindo Cervo “de sempre” e que consistía en que os veciños de Cervo, San Ciprián e das zonas rurais se tiñan que subministrar de auga a través de bombeos de captacións dos ríos Xunco e Cobo, mentres que Burela recibía o subministro por gravidade. “Isto por fin será solventado e todos os puntos de ámbolos dous concellos subministraranse de auga nas mesmas condicións técnicas e tamén económicas”.