BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, asegura que o consorcio do abastecemento de auga a Cervo e a Burela decidirá en setembro o prezo unitario do metro cúbico de auga, mentres tratarán de reducir ao máximo os gastos de explotación do servizo.
Llano explicou que “na comisión executiva desta mañá falamos da explotación da auga, do estado das obras… tamén revisamos o proxecto de orzamentos para o 2010 e a tarifa do metro cúbico de auga. Antes de dar un prezo pechado o que queremos é reducir ao máximo os gastos que poidan derivarse da explotación do abastecemento de auga a Cervo e a Burela. Hai que facer uns cálculos moi rigurosos, a electricidade é moi cara, teremos uns gastos fixos e agardemos que nunca teñamos que bombear desde Ríocobo porque iso incrementa tamén o prezo do metro cúbico. Imos reducir na medida do posible os gastos de explotación porque iso repercutirá nun mellor prezo para os veciños”.
O rexedor manifestou que “ese prezo será unitario e logo cada Concello terá que ver os complementos que meterá a cada recibo, pero hai que asegurar que sexa o mínimo posible. Imos ter unha nova reunión en setembro para determinar dito prezo con exactitude, porque agora aínda falta a conexión de Begasa e unha obra preto de Ríocobo e despois xa se poñerá en marcha este servizo”. Alfredo Llano asegurou que “Augas de Galicia a través da empresa Espina Obras Hidráulicas farase cargo nos tres primeiros meses de todo o gasto. Consideramos que a obra estará perfectamente rematada en setembro, salvo complicacións de última hora derivadas de Begasa ou de Fomento e a partires de aí consideraremos que poderemos empregar este servizo con todas as garantías. Un servizo que mellorará ao que tiñamos na actualidade, gañarán tanto un concello coma o outro e eso querará dicir que gañarán todos os veciños”.