RIBADEO (FNC) .- As comisións informativas previas ao pleno da vindeira semana abordarán os estatutos da entidade urbanística de colaboración do parque empresarial de Ribadeo, a cesión gratuita con carácter temporal e transitorio dun local na Casa do Viejo Pancho á Asociación de Comerciantes e ao Centro Comercial Aberto de Ribadeo, unha proposta da alcaldía para que se manteña o barcharelato de adultos con carácter presencial no IES Dionisio Gamallo Fierros e a reducción das retribucións brutas que percibe o alcalde, seguindo as recomendacións do comité executivo da FEMP e que se sitúa no 6%.
Fernando Suárez sinalou que “a estas comisións informativas previas ao pleno van unha serie de asuntos que creo de importancia e trascendencia para Ribadeo. Por fin imos iniciar a aprobación dos estatutos e ámbito de conservación da entidade urbanística de colaboración do parque empresarial de Ribadeo. É dicir unha entidade de conservación para que rixa o futuro do polígono industrial, agora que quedan poucos días para que sexa entregado por Sepes ao Concello. É o momento de aprobar os estatutos de dita entidade que estará formada despois polos propios empresarios que alí estean ademais de pola administración para velar polas diferentes cuestións de mantemento, organización, orde, etc. Procede que o pleno aprobe inicialmente estes estatutos, que por outra banda, son uns estatutos xenéricos que Sepes exporta a todas as actuacións industrais en todo o Estado, parécennos correctos, pero debe ser o pleno o que lles dea o visto bo”.
Sobre a cesión dun local a ACISA/CCA de Ribadeo, o rexedor apuntou que “todos sabemos que unha das actividades actuais mais importantes de Ribadeo é a do sector servizos, a do sector comercial e o Concello mantén estreitos lazos tanto con ACISA como co Centro Comercial Aberto desde hai tempo. Temos en marcha un convenio asinado hai uns tres anos para investir unha serie de cartos en actividades conxuntas e entendo que si se fan deste xeito saen mellor porque non se gasta tanto diñeiro e o que se gasta se gasta mellor e creo que nesta liña debemos seguir”.
Suárez Barcia lembrou que “a directiva de ACISA/CCA plantexóunos hai unha temporadiña a posibilidade de cederlles temporalmente un local para que eles poidan aforrar unha cantidade económica mensual e desde o Concello, tendo en conta a falla de espazo que temos para todo eso, ocorríusenos que nesta tónica de colaboración que mantemos con ACISA lingando cultura con comercio nos últimos meses pensamos en dar un paso mais adiante e queremos aproveitar e compartir recursos. Consideramos que pode ser beneficioso para as dúas partes o feito de compartir a Casa do Viejo Pancho, este inmoble que foi rehabilitado hai tempo e dotado de equipamento e que desde hai pouco acolle as dependencias de Cultura do Concello”. Fernando Suárez suliñou que “o beneficio é mutuo porque o Concello non lle cobra aluguer a ACISA, a accesibilidade é fabulosa, está enclavado nunha das mellores rúas de Ribadeo e para o Concello sería importante porque a atención ao público que se da agora é de 8 a 15 horas en horario administrativo e con esta nova idea amplíase este horario para exposicións, para consultas de bibliografía, de préstamos de libros… As instalacións poderían ser tuteladas polo propio persoal de ACISA en horario de tarde. Aínda que esta cesión se realiza de xeito temporal, as dúas partes se poderían ver beneficiadas porque tanto usuarios de ACISA como os turistas que chegan a Ribadeo poden obter información de primeira man desde o punto de vista comercial e turístico. Ten que ser o pleno o que aprobe esta iniciativa que partiu da Asociación de Comerciantes, pero que no Concello vimos ben e queremos intensificar os lazos de unión que temos desde hai tempo”.
Bacharelato presencial
Por outra banda, o alcalde entende que “debe haber un pronunciamento claro, nítido e expreso por parte de todos os grupos da Corporación diante desta proposta da Xunta de eliminar o bacharelato de adultos con carácter presencial no IES Gamallo Fierros de Ribadeo para impartilo na modalidade semipresencial. Parécenos desacertada esa proposta de Educación porque o centro de Ribadeo non atende a un, nin a dous nin a cinco alumnos senón que neste curso pasado houbo 18. Entendemos que nunha situación de crise como a que hai o que fai moita xente é conseguir mais formación para poder enfrontarse ao mundo laboral e ao mercado de traballo que cada vez está mais difícil. E si aínda por enriba a administración educativa elimina este servizo obrigando á xente que queira facer o bacharelato presencial a desprazarse a Lugo, estamos poñendo o mundo ao revés. Confío en que esto non se chegue a producir en Ribadeo aínda que a situación é moi grave tamén para a comarca da Mariña. Agardo unha resposta unánime dos grupos políticos no Concello, considero que debemos deixarlle claro á Xunta que ese non é o camiño”.