O alcalde, Fernando Suárez, sinalou que “moitos veciños das rúas Ramón González e Doutor Moreda están preocupados, segundo nos indican desde hai tempo, pola situación dunha obra que se iniciou e que quedou a estructura a medio facer supoño que polo estoupido da burbulla inmobiliaria. A empresa está desaparecida e deixou unha serie de cuestións que están nunha situación perigosa, unha grúa totalmente montada e no solar ten unha superficie de 1.000 metros cadrados e aproximadamente un metro de auga, polo que estamos a falar dun millón de litros de auga estancados e que co calor poden provocar a aparición de mosquitos ou doutras cuestións negativas”.
O rexedor explicou que “temos informes do arquitecto municipal onde nos indican estas situacións de perigo e que debemos tomar medidas. Estivemos nestes últimos tempos tentando contactar coa empresa constructora, cos propietarios do inmoble, sendo imposible a súa localización e poidemos finalmente contactar coa propietaria da grúa e indicámoslle a obrigatoriedade por unha cuestión de seguridade pública e salubridade de que debería ser desmontada. Facilitamos o acceso achaiando un camiño para que unha grúa puidese entrar e no día de hoxe ese guindastre está a ser desmontado por outra grúa móvil e os operarios do Concello de Ribadeo están procedendo a baleiar, a drenar, a achicar toda esa auga que ocupa os baixos desa construcción a medio facer”.
Suárez Barcia engadiu que “estamos entrando nunha propiedade particular e nunha situación xudicial complexa. Non é a nosa misión facer estas cousas, pero entendemos sempre que por seguridade pública e sendo conscientes de que eso sen atención, sen cuidado pode un día de vento provocar unha desgracia. Os veciños periódicamente estaban indo ao Concello amosando a súa preocupación e nós entendemos que debemos dar unha solución e por moita propiedade particular que sexa os gastos acarreados acabarémosllos pasando á empresa, daremos conta á autoridade xudicial competente porque agora trátase dunha actuación de seguridade e salubridade pública que están amparadas polas diferentes normas de dereito”