CERVO .- Representantes do concello de Cervo e dunha empresa privada presentaron a programación de actividades educativas e de lecer denominadas “Enredos de Verán” que están organizadas polas concellerías de Educación, Cultura e Xuventude e que se van desenvolver ao longo de todo o verán. As actividades, gratuitas, desenvolvidas por unha empresa privada, van dirixidas a nenos e nenas nacidos entre os anos 1998 e 2006 que estean a pasar o verán en Cervo e San Cibrao
Nota de Prensa
HOXE PRESENTÁRONSE OS “ENREDOS DE VERÁN” NA CASA DO CONCELLO
Esta oferta lúdico-educativa deseñada polas concellerías de Educación, Cultura e Xuventude abrangue obradoiros e actividades para nenos e nenas de 4 a 12 anos
As actividades desenvolveranse durante os meses de xullo e agosto nos dous núcleos máis importantes do municipio
Cervo, 2 de xullo de 2010.- Hoxe tivo lugar ás 20.00 horas na Casa do Concello o acto de presentación oficial á cidadanía da programación de actividades educativas e de lecer denominadas “Enredos de Verán” que están organizadas polo Concello de Cervo a través das súas concellerías de Educación, Cultura e Xuventude e que se van desenvolver ao longo de todo o verán.
No acto as concelleiras Pilar Armada e Yolanda Perdreira; xunto cunha representante da empresa IG-10, empresa encargada de desenvolver as actividades, deron a coñecer aos pais dos nenos e nenas os pormenores da oferta lúdico-educativa elaborada expresamente para os seus fillos e que se desenvolverá nos meses de xullo e agosto nas dúas principais localidades do municipio.
As actividades son de carácter gratuíto e realizaranse de luns a venres en horario de mañá (de 11.00 a 13.00 horas). Van dirixidas a nenos e nenas nacidos entre os anos 1998 e 2006 que estean a pasar o verán en Cervo e San Cibrao. Entre a programación deseñada figuran actividades coma xogos inchables, obradoiros de pintura, pesca, fotografía dixital, xogos tradicionais e na praia, sendeirismo, xincanas, castelos de area, multideporte, manualidades, festa do entroido, etc…
Segundo os organizadores, ata o momento a resposta dos nenos está sendo moi positiva, chegando a haber nalgunhas das actividades lista de espera para poder asistir. Para participar nestas actividades é necesario cubrir unha ficha de inscrición e entregala na Casa do Concello ou na Casa da Cultura. As prazas son limitadas (por orde de inscrición) e para aqueles rapaces que se poidan quedar en “lista de espera” está previsto realizar actividades abertas para todos cada venres.