Nota de Prensa
Os nacionalistas denuncian que están en perigo centos de empregos na provincia de Lugo.
Jorquera pregunta ao Goberno se vai rematar os tramos da A-8 Lourenza-Mondoñedo, Mondoñedo-Lindín, Lindín- Candia e Touzas-Vilalba
O BNG esixe a Blanco que explique as razóns da ralenzización dos traballos na A-8.
Unha delegación Bloque Nacionalista Galego inspeccionou na xornada de hoxe o estado de execución das obras da A-8 diante da situación de alarma social que se está a xerar pola posíbel paralización das obras en varios tramos así como a ralentización dos traballos da mesma.
Iniciativas no congreso dos Deputados
O Portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera anunciou a presentación dunha iniciativa Parlamentaria ao respecto e esixiu do Ministro de Fomento unha aclaración sobre os prazos cos que traballa Fomento respecto da execución dos tramos así como da ralentización dos traballos. Jorquera preguntou a Fomento “que vai acontecer cos tramos Lourenza-Mondoñedo, Mondoñedo – Lindín, Lindín- Candia e Touzas-Vilalba, na medida que estes tramos, tal como tiña comprometido o propio Ministro de Fomento ían estar rematado a finais de 2011. Non é de recibo que unha obra que segundo o propio cronograma definido por Fomento, ratificado posteriormente na Comisión de Fomento do Congreso, tiña que estar en funcionamento na súa totalidade en 2007, que suma este retraso, pois sexa agora tamén unha das páganas da política de recortes que está a aplicar o Ministerio”.
Jorquera, na mesma liña, denunciou as graves consecuencias que “en materia de emprego está a provocar a ralentización dos traballos e a posíbel paralización das obras en catro tramos, na medida que non só vai afectar ao emprego directo, senón tamén a moitos autónomos que teñen maquinaria e persoas contratada as concesionarias así como o sector servicios da Comarca”. Neste sentido Jorquera amosou “a súa preocupación pola situación na que van ficar diversos autónomos da zona, algúns dos cais se puxeron en contacto co BNG, que mesmo mercaron maquinaria para executar traballos na autovía e que a día de hoxe vense obrigados a abandonar os seus traballos na mesma”. “Estamos diante dunha situación que pon en risco centos de empregos na provincia de Lugo, tanto directos, como indirectos e que vai repercutir dun xeito moi particular no sector da hostalería, onde restaurantes e hostais están a ver como dun día para outro perden un número importante da súa clientela” recalcou Jorquera quen criticou que “o Goberno do estado está a facer todo o contrario do que se debe facer nunha situación de crise. Non son momentos para aplicar políticas de axuste fiscal e reducir os investimentos públicos, senón pola contra compre incentivar a licitación pública, para actuar na demanda agregada e xa que logo, reactivar a economía”
Fernando Blanco tamén anunciou iniciativas no Parlamento Galego
O Deputado por Lugo do BNG, Fernando Blanco, anunciou tamén a presentación dunha iniciativa na cámara galega a fin de instar ao Goberno da Xunta a que faga cumprir ao Estado os compromisos con Galiza e de xeito particular os acordos aos que chegaron no seu momento o Presidente Feijoó e o Ministro Blanco. “Os recortes na actuación en materia de infraestructuras en Galiza, fan boas as sospeitas e as reservas que mantiñamos verbo dos “Acordos do Hostal”. Non é de recibo logo o silencio de Feijoo, que debe actuar como Presidente dos galegos e esixir o que el no seu momento comprometeu”, afirmou Blanco quen considerou “unha navallada a Lugo o que está a acontecer coa A-8, posto que se trata dunha vía central para articulación do norte galego e a vertebración da provincia. A súa paralización vai agudizar a situación de atraso desta provincia e vai afondar nas desigualdades territoriais no conxunto do Estado.” O Deputado Nacionalista considerou paradigmático do trato do Estado con Galiza o acontecido con esta vía “que primeiro chega tarde, xa van alá retrasos acumulados de 5 anos, e por último non chega”