Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG demanda a Fomento o novo calendario da autovía do Cantábrico

Nota de Prensa

JORQUERA REXISTRA UNHA INICIATIVA NA QUE DEMANDA A FOMENTO O NOVO CALENDARIO DE EXECUCIÓN DA AUTOVÍA DO CANTÁBRICO E DOUTAS INFRAESTRUTURAS VIARIAS NA GALIZA

“Unha das razóns polas que o BNG votou en contra do Plan de Axuste do Goberno era porque reducía o investimento público en ámbitos como o das infraestruturas”, sinala o deputado do BNG

Madrid, 8 Xullo 2010. O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, rexistrou hoxe unha iniciativa parlamentar na Cámara para demandar ao Ministerio de Fomento o novo calendario de execución da Autovía do Cantábrico (A-8) despois de que o Ministro anunciara onte o retraso desta importante infraestrutura viaria.

Ademáis, o deputado nacionalista pregunta polas previsións para outras infraestruturas viarias tamén relevantes para Galiza como a conexión entre Santiago e Lugo (A-54), entre Santiago e Ourense (A-56) e entre  Vigo e Pontevedra (A-57).

O BNG xa advertíu  “sobre os efectos perversos do Plan de Axuste”

O deputado do BNG lembra que “unha das razóns polas que o BNG votou en contra do Plan de Axuste do Goberno era porque reducía de maneira importante o investimento público do Estado en ámbitos xenerados de emprego como é o das infraestruturas. Advertíamos dos efectos perversos deste tipo de políticas posta que nin contribuía á creación de emprego nin tampouco á reactivación da economía, e ademáis, retrasaba aínda máis o remate de infraestruturas que contribúen á vertebración do territorio como é o caso da Autovía do Cantábrico”.

O parlamentar do BNG alude ao anuncio realizado onte por José Blanco nunha visita a Asturias onde dixo que a autovía do Cantábrico se vai retrasar polo menos un ano.

“Dado o anunciado sería pertinente que o Ministro aclarase os novos prazos temporais que manexa despois de aplicar os axustes orzamentarios nas principais infraestruturas viarias pendentes na Galiza”, afirma Jorquera.

Cal é o novo calendario de execución?

Este é o motivo polo que dirixe unha serie de preguntas ao Ministerio de Fomento: “Que novo horizonte temporal de finalización manexa Fomento para a autovía do Cantábrico (A-8)? En canto calcula o Ministerio o retraso? Cando se rematarán os tramos Abadín-Castromaior e Castromaior-Touzas previstos para setembro? E para cando os tramos Barreiros-Vilamar e Vilamar-Lourenzá?

Ademáis, pregunta ao Ministerio sobre o calendario de execución das autovías Santiago-Lugo (A-54), Santiago-Ourense (A-56) e Vigo-Pontevedra (A-57) para coñecer o retraso medio que van sufrir.

Exit mobile version