Nota de Prensa
O BNG DE BARREIROS CELEBRA O DOMINGO CUNHA BONITADA A SÚA VI MANI-FESTA PRETO DA PONTE DA ESPIÑEIRA. UN ACTO NO QUE INTERVIRÁN: BELÉN FERNÁNDEZ, ANTONIO VEIGA E BAUTISTA ÁLVAREZ.
Barreiros, 16 de xullo de 2010. O BNG de Barreiros celebra o vindeiro domingo 18 de xullo ás dúas da tarde a súa VI Mani-festa na ribeira do Masma, a carón da ponte da Espiñeira. Segundo explica Antonio Veiga “así celebramos a festa do día da patria galega unha semana antes desa data. E dicimos o de mani-festa porque ten bastante de festa, pero tamén ten bastante de reivindicación”. Van intervir a responsable local do BNG, Belén Fernández; o responsable comarcal e portavoz do BNG en Barreiros, Antonio Veiga e Bautista Álvarez, ex parlamentario e un dos fundadores do BNG.
Veiga Outeiro dixo que “será un acto no que se faga un resumo do traballo feito ao longo do curso político e ao mesmo tempo xa se empeza a traballar cara o seguinte ano, no que terán lugar as eleccións municipais. Como moi ben di o lema desta campaña do 25 de xullo Fai valer a túa forza, temos que facer valer a nosa forza hoxe máis que nunca porque hoxe máis que nunca Galiza precisa dunha forza política propia do país como é o Bloque Nacionalista Galego”.
O portavoz nacionalista barreirense engadiu que “Barreiros tamén precisa dunha forza política que fale claro e sen dobres discursos. Eu creo que todos os barreirenses poden coincidir con nós en que o BNG durante todos estes anos tivo un único discurso e así seguirá servindo única e exclusivamente aos intereses xerais dos veciños de Barreiros. Este concello leva nunha total parálise tres anos, parece ser que os grandes salvadores do PP non existen para o seu goberno, os ten totalmente esquecidos. Aquí xógase a outra cousa non a defender os intereses dos veciños e o BNG sí que o di alto e claro, independentemente dos custes políticos que nos ten”. Antonio Veiga pensa que “tal e como está a situación política o que non se pode facer é enganar ao pobo e á xente coste o que coste. Noutras organización políticas parece que priman os intereses electorais por enriba dos xerais. Será a cidadanía a que o teña que decidir, pero a cidadanía ben sabe que sempre tivo aí, sempre ten e seguirá tendo ao BNG para defender os intereses xerais do concello de Barreiros e non os particulares de ninguén”.
Desde o BNG convidan a “todos os barreirenses que queiran pasar unha xornada agradable a carón dun río tan noso como é o Masma e que tanto identifica a Barreiros e aproveitar para xantar un producto capturado polos nosos mariñeiros como é o bonito, alí poden acudir o domingo ás dúas da tarde, onde serán ben recibidos”.