Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG cre que o portavoz adxunto do PP está xustificando o seu salario de liberado na Deputación facendo notas de prensa

Nota de Prensa

ANTONIO VEIGA CRE QUE BARCIA ”TRATA DE XUSTIFICAR O SEU SALARIO CON NOTAS DE PRENSA CRITICANDO AS AXUDAS DA DEPUTACIÓN”

Antonio Veiga criticou ao deputado provincial do PP, Xosé Mª Barcia, por “xogar coa información que extraeu dunha mesa técnica de valoración das axudas, cando sabe que todas as comisións de festas reciben exactamente o mesmo, independentemente das afinidades ou da cor política dos concellos”

Veiga di “entender as críticas do sr. Barcia, xa que cre que está xustificando o seu salario de liberado na Deputación facendo notas de prensa para criticar, un gran traballo para Burela e a Mariña”

Lugo, 13 xullo de 2010. O grupo provincial do BNG, a través do seu portavoz Antonio Veiga, ao mesmo tempo delegado de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo, rexeitou as acusacións verquidas á prensa polo deputado provincial e voceiro do PP de Burela, Xosé Mª Barcia, nas que acusa á Deputación de Lugo e ao goberno municipal de Burela de aportar unha cantidade moi pequena para as festas Patronais da vila mariñá.

Antonio Veiga expresou que “as críticas do sr. Barcia son entendíbeis porque cre que desta maneira xustifica o seu salario de liberado na Deputación facendo notas de prensa, sen dúbida un gran traballo para os cidadáns de Burela e da Mariña”. Antonio Veiga reprobou este comportamento de Barcia xa que “xoga coa información, que extraeu dunha mesa técnica de valoración das axudas, para criticar ao goberno municipal de Burela e á Deputación, cando sabe que todas as comisións de festas reciben da Área de Cultura da Deputación exactamente a mesma cantidade, independentemente das afinidades ou da cor política dos concellos”.

Ademais, lembrou que a cifra que anunciou o sr. Barcia pertence a unha mesa técnica de valoración e, polo tanto, non está aprobada pola Xunta de Goberno da Deputación, quen finalmente debe decidir, polo que será a Área de Cultura e Deportes da Vicepresidencia 1ª da Deputación quen informará correspondentemente no momento da súa aprobación”. Neste sentido, Veiga “agradeceu” que Barcia quixese anunciar por anticipado este importe das axudas como se se tratase dun Delegado Provincial, mais lembroulle que “vostede desfruta dun salario como liberado da oposición desa institución, máis fraco favor está a facer á cidadanía se todo o seu traballo se limita a sacar unha nota de prensa á semana criticando cousas que non son certas”.

Veiga foi moi crítico e afirmou que “o señor Barcia é perfectamente consciente de que a Deputación de Lugo non pode pagar orquestras para verbenas, e menos aínda nos tempos que corren, polo que o razoamento que realizou aos medios está fóra de lugar” e lembrou que “para axudar á celebración de romarías, festas e eventos populares, a Área de Cultura da Deputación artella outros mecanismos, como é o financiamento de actuacións de bandas de música, corais e agrupacións de música tradicional lucenses polas comarcas de Lugo neste tipo de eventos, axuda á que puideron acollerse todas as comisións de festas, agrupacións veciñais e colectivos en igualdade de condicións”.

O portavoz do grupo provincial do BNG, Antonio Veiga, afirmou que “Barcia é moi libre de opinar sobre o grande ou pequena que lle parece a cifra dunha axuda, pero como todos os cidadáns sabe que as axudas da Área de Cultura e Deportes da Deputación van destinadas a apoiar a posta en marcha de actividades e eventos culturais e deportivos, axudando ás asociacións e clubs de todas as comarcas lucenses, mais non para a celebración de festas patronais”. Veiga afirmou que “desde a Deputación estabelécese un sistema de concorrencia competitiva para outorgar as axudas que permite realizar un reparto igualitario dos fondos destinados a apoiar o asociacionismo cultural e deportivo lucense” e lembrou que “en 3 anos houbo 2613 solicitudes de subvencións para asociacións culturais e deportivas que recibiron en concorrencia competitiva 11.118.325 euros”.

Con esta saída de Barcia semella que este “bota de menos os repartos discriminatorios que se levaban a cabo na Deputación na etapa de goberno do PP”, sentenciou Antonio Veiga.

Exit mobile version