Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo pide maior coordinación para reparar os danos do ultimo temporal

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, avoga por unha maior coordinación entre as administracións para reparar os danos causados polas chuvias do pasado mes de xuño. O rexedor considera necesaria unha xuntanza para falar, acordar e facer cousas.

Suárez Barcia sinalou que “xa transcurriu máis dun mes das chuvias de xuño que anegaron o noso concello e eu, con respecto para todos os demáis, penso que o noso concello foi o máis afectado, onde tivemos grandes desperfectos en pontes, en camiños, en regatos que desbordaron e fixeron moito mal. Debo dicir que, si ben nun primeiro momento todas as administracións, Deputación, Xunta e Estado tiveron boas palabras de cara a axudar aos concellos afectados, co paso do tempo, algunha máis que outras tamén debo dicilo, están prestando a súa colaboración activa para ir tornando paseniñamente á normalidade”.

O alcalde apuntou que “mesmo onte estiven coa delegada territorial da Xunta vendo a limpeza de cauces do río Grande, que valoro positivamente, pero como alcalde de Ribadeo vexo que está a haber unha falla de coordinación importante entre todas as administracións. Non é que o Concello queira lavarse as mans e que sexan Deputación, Xunta e Ministerio os que teñan que facer todas as reparacións, pero é que moitas veces está pasando que ningunha das tres administracións, á marxe do Concello, nos poden dicir si van amañar este camiño ou non, si van amañar ese regato en maior ou menor grao ou non. O que pido e o que ofrezo é que teñamos unha coordinación máis grande, non sei si o lugar para celebrar a xuntanza debe ser o Concello de Ribadeo, a Subdelegación do Goberno en Lugo, na Delegación Territorial da Xunta en Lugo ou nun lugar neutro ou no tesón da ría, tanto me ten”.

A Fernando Suárez gustaríalle que “entre todos puidéramos poñer as cartas enriba da mesa e decidir que é o que pode facer a Xunta, que é o que pode facer a Deputación e que é o que pode facer o Estado e todo o que non poidan facer será cuestión do Concello. O tempo pasa e os veciños preguntan si este regato se vai amañar ou non, queren saber cando se vai amañar un camiño que se estropeou pola auga e canto vai tardar. Penso que os demáis Concellos estarán na mesma situación, valoro as actuacións que algunhas institucións, unhas máis que outras, nos están prestando, porque algunhas pouco máis que a foto viñeron facer, outras é normal que veñan facer a foto porque están a actuar no territorio”.

O alcalde de Ribadeo lembrou que “as chuvias e os desperfectos foron cuantiosos, exceden a capacidade de calquera administración local, creo que para mellorar o servizo si entre todos traballamos a unha as sinerxias derivadas de todo este traballo en conxunto, en coordinación serán moito mellores para os veciños. Eu estóulle dirixindo unha serie de misivas á Delegación do Goberno, á Xunta e á Deputación para xuntarnos, para falar e para acordar e o que non fagan eles teremos que facelo nós, pero debemos facelo canto antes e deixar a cuestión partidaria a un lado. Eso é o que a xente ve mal. As cousas débense amañar e despois que cada un venda o peixe como mellor poida, pero debemos xuntarnos, falar, acordar e facer cousas”.

Exit mobile version