RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, amósase tranquilo tras o recurso contencioso administrativo presentado por tres funcionarios contra os orzamentos municipais de 2010, medida da que se enterou polos medios de comunicación. O rexedor está convencido de que “lles vai saír o tiro pola culata”.
Suárez Barcia recoñeceu que “eu enteréime polos medios de comunicación, porque aínda non recibín comunicación formal sobre o contencioso administrativo presentado por varios traballadores municipais, tres funcionarios, contra os orzamentos municipais de 2010. Son uns presupostos aprobados definitivamente tras a moción de confianza á que me sometín. Parece ser que non son do agrado para estes traballadores, que teñen nalgúns casos uns salarios que duplican ao do alcalde aínda que entendo que a responsabilidade do alcalde é máis que a de calquera funcionario deste Concello”.
O alcalde ribadense sinalou que “nas cuestións formais da aprobación definitiva dos orzamentos eu remítome ao que din os diversos informes xurídicos dos que dispoñemos, coma o da Deputación Provincial de Lugo e en todo caso si teñen o dereito de ir ao contencioso ninguén llelo vai denegar desde logo. Si nunha situación coma a actual na que o goberno do Estado manda recortar os salarios dos funcionarios, si nunha situación coma a actual onde os recursos son cada vez máis escasos, algúns traballadores pretenden que nós repartamos unha serie de cartos sen máis criterio que o de reparto ao estilo vaiche boa despois de esgotar ata última vía de negociación, nós iso non o podemos facer por moi consignado que estivese no 2009. Estamos nun noxo exercizo e nunha nova circunstancia e moito me temo que lles vai saír o tiro pola culata e en todo caso cando lles saia seguramente esta Corporación xa non estará, estará unha nova Corporación cuns orzamentos aprobados e si a xustiza lles da a razón dubido que sexa demasiado relevante”.
A Suárez Barcia sorpréndelle que “nunha situación económica como a que hai con rebaixa nos investimentos e nuns tempos nos que temos que facer moitos equilibrios, chama a atención a actitude dos diferentes grupos da oposición. O PSOE, o máis combativo na defensa a ultranza dos intereses dalgúns funcionarios, non sei como poden manter esta postura aquí cando o presidente do goberno do Estado di precisamente o contrario. O PP, que agora a última hora se quere subir ao carro e non debe ver o que fan os seus compañeiros na Xunta de Galicia, recortando todo tipo de inversión pública e social e chámame a atención a actitude do señor Rivas, que vai estrear novo cargo dentro de moi poucos días no seo do PP autonómico, parece ser que a integridade da xente non se mira por máis que o levan cuestionando os propios membros do PP e agora o van absorber como fan as grandes empresas cando absorben a outras máis pequenas para copar todo o mercado posible, e agora tamén se suma á defensa a ultranza dos funcionarios. Todos o fan porque non teñen responsabilidade de goberno porque si así fora outro galo cantaría e estarían dicindo o que nós estamos argumentando, que todo o que facemos o facemos desde o punto de vista da legalidade, do rigor e da inversión dos cartos públicos”.