O rexedor sinalou que “este ascensor que une a zona da Atalaia co paseo marítimo desde a súa concepción como proxecto xa tivo un debate social sobre a conveniencia ou non de facelo, sobre a fermosura ou sobre a fealdade e debo dicir tamén que para o Concello seguro que terá unha pesada carga de conservación e mantemento e agardo que ningún desalmado lle volte a disparar con bala novamente. No tocante ás virtudes, sen dúbida será un elemento de atracción turística a Ribadeo e singularmente ao casco vello e ao paseo marítimo tamén”.
Suárez Barcia lembrou “toda esta política decidida de mellora do casco vello a través dos diferentes programas do ARI tanto no que ten que ver coa vivenda privada como nos espazos públicos que ao longo destes anos se estiveron e se seguen a facer e acompañada por unha política municipal moi decidida á recuperación desta zona, sobre todo naqueles inmobles de xente que os deixa caer e que non ten ningún coidado deles”. O alcalde manifestou que “se están a ver pasos, aí está o edificio da aduana vella no que conseguimos que os propietarios iniciasen a súa rehabilitación. Pero tamén son un firme convencido de que o casco vello, a parte de estar formado polas vivendas que son dos seus donos e residentes, é un patrimonio público e económico de primeira magnitude, debemos velar por él e seguramente estes elementos, como o que hoxe se inaugura, contribúan a dinamízalo”.
Fernando Suárez dixo que “aínda que hoxe se entrega este pequeno pastel aínda lle falta algunha guinda, eu o que lles pedín ás autoridades é que non permitan que a capela da Atalaia quede sen pintar, porque non ten sentido reparar toda a Atalaia, rehabilitala, poñela de granito, pero que a capela, aínda que sei que se arranxou por dentro, desloce moito sen unha capa de pintura branca. Hai que ter en conta que esta capela é un elemento románico do século XII, do máis antigo que temos en Ribadeo. E tamén lles pedín que rematen coa posta en valor das ruinas da casa do Bispo Cebeira na zona de Cabanela, para o que xa lles aportamos un proxectiño co que se debería facer e coa autorización pertinente de patrimonio”.
Compromisos pendentes
O rexedor reclamóulle ao goberno do Estado que cumpra cos compromisos adquiridos con Ribadeo, “sabemos da crise, vivímola todos, os Concellos, a Xunta e o Estado, pero esto non debe ser excusa para levar adiante aquelo que pode contribuir a que a situación actual non se volva catastrófica, e dígoo como alcalde e sabendo ven o que digo. Ribadeo ten 10.000 habitantes, 6.000 na vila, temos 1.000 prazas hoteleiras, temos un sector servizos importantísimo e temos que idear alicientes para atraer á xente, e ideámolos, tiñamos que propoñelos e propuxémolos e tíñanos que aceptar e aceptáronos e consignaron as cantidades económicas, pero a día de hoxe non os levaron a cabo”.
Fernando Suárez engadiu que “non me refiro tanto á ruta do tren mineiro que se está a facer o proxecto e agardo que unha vez listo se proceda a licitar as obras, refírome á ruta das cetáreas de Rinlo, o proxecto está aprobado, consignados 2.300.000 euros e prevista unha partida para este ano de 400.000 euros (por unha enmenda que introduciu o BNG), estamos en agosto de 2010 e esta obra ainda non foi licitada. Dito proxecto significará unha achega turística moi importante tanto a Rinlo como a Ribadeo no seu conxunto. Temos pendente un acceso central desde a autovía A-8 a Ribadeo en sentido Asturias, dado que en dirección Galicia os vehículos poden sair en dous sitios e á inversa non. Temos falado desde hai anos coa Deputación, co Ministerio e o Concello de cara a facer unha serie de aparcadoiros na praia de As Catedrais para evitar o colapso, que reduzan o perigo e que ademais se separen do cantil do areal, temos boas palabras e compromisos, pero non temos nada feito. Temos mesmo tamén a recuperación do castro das Grobas, alí fíxose unha prospección arqueolóxica que deu moi bós resultados, pero necesítase máis como elemento de turismo”.
O alcalde ribadense asegurou que “non pretendín incomodar a ninguén nin poñer en apuros a ninguén, só exerzo o rol que me encomedaron os veciños deste concello e aproveitando a visita dun secretario xeral, do delegado do Goberno… quíxenlles plantexar o que lexitimamente pode contribuir a dar alicientes para este sector servizos, comercial e hosteleiro, que poida principiar con este ascensor, pero desde logo todos os proxectos que citei si estivesen feitos nun período de dous ou tres anos serán un revulsivo enorme como Ribadeo nunca viu”.