RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, amósase agradecido e satisfeito de que o Xacobeo cumpra cos compromisos adquiridos polo anterior goberno galego coa rúa Deputación. E agarda que segan os mesmos pasos o centro de día para enfermos de alzheimer e a nova gardería.
As obras da rúa Deputación atópanse na súa fase final. O rexedor sinalou que “como todos os veciños poden ver, tanto os residentes coma os que pasan por alí, as obras da rúa Deputación se atopan xa no seu tramo final de rehabilitación. Da gusto pasear polo treito que xa está listo ou ver como están rematándose os traballos, a calidade do material empregado é inmellorable para unha das rúas máis bonitas e das máis esquecidas de Ribadeo durante anos”. Suárez Barcia lembrou que “a parte de ser un vial urbano tamén é a porta de entrada de todos os veciños da parroquia do interior acceden á vila por aquí”.
O alcalde ribadense manifestou que “esta actuación, que empezou aló pola primavera e agora xa asentados na metade do verán, todo indica que está na súa recta final e que as previsións de tempo non se poden cumprir porque ás veces a climatoloxía fai que se ralenticen os traballos e logo ademáis é mellor que se demore un pouco máis e que a obra quede ben, como é o caso, e non ter que lamentarnos porque se fai aprisa e correndo e despois quedan como quedan. Esta inversión de 270.000 euros de presuposto de adxudicación da obra, dado que o proxecto era sensiblemente superior, corre a cargo exclusivamente do Xacobeo. Independentemente do cambio de goberno que se produciu na Xunta hai un ano respectáronse estes compromisos, e eu como alcalde estou agradecido e satisfeito de que máis aló das cuestións partidarias se respecten as obras que quedaban previstas e en execución na parte anterior”.
Fernando Suárez agarda que “o resto de actuacións como o centro de día para enfermos de alzheimer e a nova gardería infantil segan os mesmos pasos e se respecten os compromisos adquiridos previamente, incluso con cesión de terreos incluida e que dentro de pouco poidamos estar falando tamén dun inicio de obras”.