Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela agradece a axuda dos efectivos que apagaron o incendio da lonxa

BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, visitou hoxe a zona afectada polo incendio que se rexistraba hai 24 horas nunha nave da lonxa. O rexedor asegura que se está voltando pouco a pouco á normalidade e agradece o traballo realizado por todos os que participaron nas tarefas de extinción do lume.

Llano contou que “estivemos vendo a zona que resultou máis afectada polo incendio, foron tres almacéns dunha nave cos seus locais adxacentes. Están moi afectados e posiblemente teñan que renovalos totalmente, hoxe estáse limpando toda a zona e volvendo tranquilamente á normalidade. Estáse a retirar o peixe que se perdeu e dun xeito ou outro a lonxa está a traballar sen problemas, salvo esa zona afectada polo incendio”.

O rexedor sinalou que “os operarios que traballaban nese almacén poderán continuar facéndoo debido á solidaridade amosada polo resto de exportadores e armadores para que utilicen as súas instalacións e así continúen a desenvolver a súa actividade. É unha boa noticia que entre eles se axuden, que é como debe ser”.

O alcalde burelés agradeceu o traballo realizado por todos os que participaron nas tarefas de extinción do incendio, “estiven chamando aos responsables de Alcoa para darlles as gracias pola súa intervención de onte para axudaranos a pagar este lume, tamén falei con Astilleros Armón, as dúas partes foron fundamentais para evitar a propagación do incendio cara outras zonas. Queremos agradecer tamén o traballo realizado polos dous remolcadores que se atopaban no porto pola labor imprescindible que realizaron e tamén agradezo a solidaridade amosada polos Concellos de Viveiro, Xove, Cervo e Foz que aportaron o seu material e o seu persoal para extinguir o incendio. É moito de agradecer o traballo realizado”.

Alfredo Llano subliñou que “todos quedamos en manter unha xuntanza ou ben a vindeira semana ou a seguinte para intentar estudar o acontecido, aprender da experiencia de onte e para coordinar unha futura actuación deste tipo. Hai que poñer en marcha o parque de bombeiros na zona, é imprescindible contar con el, somos unha cidade lineal con máis de 110.000 habitantes, cifra que medra no verán, e eso require ter un bo servizo de bombeiros”.

Exit mobile version