Mar recalifica as zonas de produción de moluscos bivalvos
Atendendo ás recomendacións do CEFAS, a Consellería do Mar a través do Intecmar levou a cabo as analíticas que determinaron unha nova clasificación das zonas de produción de moluscos bivalvos no litoral de Galicia
As analíticas amosaron unha mellora na parte externa das Rías do Burgo, de Aldán, na Ensenada de Fisterra e no esteiro do Río Tallara, situado na Ría de Muros
As análises do Intecmar evidenciaron un empeoramento na parte interna das Rías de Viveiro e Ferrol, na parte interna da enseada de Muros, no saco de Fefiñáns en Cambados, nas enseadas de Baiona e Laracha e en Miño
Santiago, 28 de xullo de 2010.- A Consellería do Mar, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, vén de publicar a modificación da Orde do 8 de setembro de 2006 pola que se declaran e clasifican as zonas de produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia. A modificación da Orde, que sae publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, é resultado dos estritos controis que leva a cabo o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR) seguindo as recomendacións do CEFAS (Centre for Enviroment, Fisheries and Aquaculture Science) de revisión periódica de clasificación de zonas produtivas.
As analíticas realizadas polo INTECMAR evidencian variacións nas condicións das zonas de produción, de aí a necesidade de adecuar a súa clasificación aos novos resultados obtidos nos diferentes controis. Así, segundo estas analíticas, para as que se empregou o método de referencia a nivel europeo acreditado pola Entidade Nacional de Acreditación, detéctase a mellora nalgunhas zonas como na Ría do Burgo na que só permanecerá catalogada como C a parte interna (GAL 05-06). A zona GAL 05-05, pasará a ser catalogada como zona B e a zona GAL 05-03 tamén cambiará a súa clasificación pasando a ser B provisional, quedando toda a ría, excepto a parte especificada, como zona B tal e como avalan os resultados das estrictas analíticas realizadas directamente aos moluscos polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR). Tamén experimentou unha mellora o GAL 08-05, coñecido como Esteiro do río Tállara, na ría de Muros, que pasa de clasificarse como C estable a facelo como B estable.
A mellora destas zonas implica o regreso á actividade marisqueira e significa que o marisco extraído é apto para o seu consumo en fresco con todas as garantías de calidade e salubridade, sempre que se someta a un proceso de depuración. Este cambio favorece aos mariscadores da zona xa que recuperarían a súa actividade e nivel de ingresos económicos habitual.
Por outra banda, as análises amosaron un empeoramento na parte interna da Ría de Ferrol GAL 03-07 que pasa de ser B estable a ser zona de produción C estable e no caso do GAL 03-06 pasa de ser C estable a estar pechada, o mesmo que o GAL 11-03 coñecido como Foz do Miñor, na Ría de Vigo. Outra zona que resultou modificada foi Miño, onde a GAL 04-06 pasou de ser B provisional a ser B estacional e a GAL 04-09 pasou de ser B provisional a C estable.
Procedemento regrado
A Consellería do Mar lembra que clasificación de zonas – A, B e C- é un proceso regrado rexido polo Regulamento (CE) 854/2004 que decreta a cualificación das diferentes áreas de produción en función da calidade microbiolóxica das augas, concretamente do indicador E. coli. Así, unha zona catalógase como “A” cando os niveis de E. coli por cada 100 gramos de carne son inferiores ou iguais a 230. Cando estes niveis oscilan entre 230 e 4.600 a zona clasifícase como “B” e cando superan os 4.600 e non sobrepasan os 46.000 a zona defínese como “C”.
Ademais, cabe lembrar que a Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, puxo en marcha, en coordinación co departamento de Mar, un plan específico de infraestruturas en materia de saneamento para mellorar a calidade das augas cun horizonte de finalización do ano 2014 que permitirá diminuír a contaminación microbiolóxica en 17 zonas de marisqueo que actualmente teñen problemas de clasificación, e que están localizadas en 9 rías galegas.
Respecto á calidade dos produtos, é importante salientar que os moluscos que se extraen de calquera das 91 zonas B que hai no litoral de Galicia son óptimos para o consumo humano e están plenamente garantidos sempre e cando se consuman, tras un proceso de depuración, a través dos cauces legais de comercialización.