O delegado de Deporte da Deputación, Antonio Veiga, participou hoxe na presentación
Nota de Prensa
ANTONIO VEIGA PRESENTOU A XORNADA LÚDICO-DEPORTIVA “LÁNZATE AO VERÁN” EN BURELA
A Área de Deporte da Deputación promove “Lánzate ao verán” desde a primeira edición, en ano 2008
O día 17 de xullo na explanada do porto burelao celebrarase esta xornada con xogos populares, fútbol e volei praia, rocódromo, piragüismo e tiro con arco, entre outros
BURELA, 9 de xullo de 2010. O delegado de Deporte da Deputación, Antonio Veiga, participou hoxe na presentación da xornada “Lánzate ao Verán” que terá lugar na explanada do porto burelao o vindeiro 17 de xullo. A actividade foi presentada na praia do Portelo (praia urbana) de Burela e ao acto de presentación tamén asistiron Neves Cando, tenente de alcalde do concello, e José Antonio Sama, responsábel da empresa organizadora desta xornada de actividades lúdicas destinadas a fomentar a práctica do deporte entre a xente nova burelá.
Na súa intervención, Antonio Veiga valorou moi positivamente que se realicen este tipo de actividades na época estival “xa que supoñen unha alternativa de ocio para nenos e nenas e, ao mesmo tempo, introdúceos de xeito ameno na práctica deportiva para levar un estilo de vida saudábel”.
Na primeira e segunda edicións deste programa de actividades lúdicas que se desenvolven na provincia de Lugo xa participaron mozos e mozas de xeito totalmente gratuíto, en prol da práctica do deporte entre o sector máis novo da poboación lucense. O volei praia e o fútbol praia, ademais da tirolina, tiro con arco, obradoiros, piragüismo e xogos populares serán algunhas das actividades que poidan desenvolver os nenos e nenas que asistan a esta xornada de “Lánzate ao Verán”.
A participación neste programa é aberta e totalmente gratuita e todos aqueles interesados que previamente se inscriban terán dereito a un picnic-comida, así como á merenda.
A partir das 11,00 horas instalarase un circuíto deportivo con 6 zonas de xogo distribuídas nos seguintes emprazamentos:
– EXPLANADA DO PORTO (onde se levarán a cabo as seguintes actividades)
o GRAN XOGO – baixo a temática “Busca do Tesouro da Mariña”, (onde os rapaces terán que ir superando diversas probas de enxeño, deportivas, habilidade, etc., relacionadas con A Mariña Lucense
o OBRADOIROS: Refugallo, Malabares, Globoflexia e Chapas,
o XOGOS- xogos populares (a corda, catabañola, pano, petanca,…), xogos con paracaídas e xincana deportiva.
o INCHABLES – multiarcos, exipcio, multiaventura, rocódromo
o AVENTURA – tirolina, tiro con arco
o MULTIDEPORTE – basket 3×3, fútbol 3×3
o INCHABLES, basket 3×3, fútbol 3×3, rocódromo, tiro con arco e tirolina)
– PRAIA DE PENOURAL – onde se levará a cabo a actividade de PIRAGÜISMO
– PRAIA DO PORTELO – onde se levará a cabo na xornada de tarde a actividade de FÚTBOL PRAIA e VOLEI PRAIA
Así mesmo, organizarase unha milla urbana, a partir das 13,30 horas polas rúas de Burela e con saída dende a explanada do porto na que os participantes recibirán unha camiseta conmemorativa e na que se establecerán 2 percorridos, un para menores de 10 anos e outro para maiores de 11 anos.
Para tomar repouso contaremos coa actuación do mago Cyrille Sinclair que nos deleitará cun espectáculo de maxia.
Unha vez recuperados os folgos as actividades deportivas e lúdicas continuarán ao longo da xornada de tarde tendo como colofón, a partir das 18,30 horas terá lugar un maratón de aerobic na explanada do porto.
A organización facilitará un servizo de autobús con saída ás 10,00 horas da mañá dende as estacións de autobuses de Ribadeo, Mondoñedo e Viveiro con 3 rutas nas que os autobuses realizarán as paradas nos lugares habituais.
Ruta 1: Ribadeo – San Miguel – San Cosme – Foz – Burela
Ruta 2: Mondoñedo – Lourenzá – Alfoz – O Valadouro – Burela
Ruta 3: Viveiro – Xove – San Cibrao – Cervo – Burela
As inscricións poden facerse a través do e-mail: lanzateaoveran@gmail.com