A MARIÑA .- A Consellería de Economía e Industria destinará 200 mil euros para “reparar os danos e perdas que como consecuencia das inundacións provocadas polo temporal durante os días 9 e 10 de xuño, se ocasionaron en establecementos comerciais e mercantís incluídos no ámbito competencial da Consellería de Economía e Industria e en infraestruturas enerxéticas de titularidade municipal”
Nota de Prensa
Economía e Industria destina 200.000 euros en axudas para paliar os danos ocasionados por ‘Doris’ na Mariña de Lugo
O DOG publica hoxe a orde pola que se regulan as axudas destinadas a contribuír, de xeito decidido e con todas as garantías procedimentais, a rexenerar e a reactivar a actividade comercial e demais actividades mercantís nas zonas afectadas polo temporal
Os cartos destinaranse a reparar os danos e perdas que como consecuencia das inundacións ocorridas durante os días 9 e 10 de xuño se ocasionaron en establecementos comerciais e mercantís incluídos no ámbito competencial da Consellería de Economía e Industria e en infraestruturas enerxéticas de titularidade municipal
A axuda poderá ser librada anticipadamente polo importe máximo do 50% da contía que se estableza na resolución tras a valoración das distintas solicitudes presentadas
Santiago, 27 de xullo de 2010.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde que regula a concesión de axudas para danos nos establecementos comerciais e infraestruturas enerxéticas de titularidade municipal provocadas polo temporal ‘Doris’ na Mariña luguesa e concellos limítrofes.
A orde reflicte que se destinarán 200.000 euros, que poden ser ampliables, para reparar os danos e perdas que como consecuencia das inundacións provocadas polo temporal durante os días 9 e 10 de xuño se ocasionaron en establecementos comerciais e mercantís incluídos no ámbito competencial da Consellería de Economía e Industria e en infraestruturas enerxéticas de titularidade municipal.
A Consellería de Economía e Industria poderá conceder unha subvención por importe de ata o custo da reparación ou reposición dos danos ocasionados nas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías neles depositadas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos á actividade comercial, industrial ou mercantil, en función das dispoñibilidades orzamentarias e do número de solicitudes. Ademais, a axuda poderá ser librada anticipadamente polo importe máximo do 50% da contía que se estableza na resolución tras a valoración das distintas solicitudes presentadas
O procedemento que se articula na orde dá unha resposta inmediata á situación xerada polo temporal no ámbito do sector do comercio retallista e demais sectores mercantís, establecendo medidas urxentes para paliar as repercusións máis inmediatas producidas nos establecementos comerciais, e demais establecementos mercantís no ámbito territorial da Mariña Luguesa e concellos limítrofes. En definitiva, trátase de atender as necesidades dos colectivos afectados para contribuír, de xeito decidido e con todas as garantías procedimentais, a rexenerar e a reactivar a actividade comercial e demais actividades mercantís nas zonas afectadas polo temporal.