Site icon Crónica3.com A Mariña

Forzas de seguridade local e estatal colaborarán durante a celebración dos eventos festivos de Cervo

CERVO .- Efectivos das Forzas de Seguridade do Estado, Policía Local e do Servizo de Extinción de Incendios e Protección Civil de Cervo traballarán de xeito coordinado nos distintos operativos que se desenvolvan nos actos e festividades que máis persoas congregan no municipio durante os meses de verán.

Así o confirmou este mediodía o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, ao remate da xuntanza da Xunta Local de Seguridade Municipal, que tivo lugar hoxe no consistorio cervense e á cal asistiu o subdelegado do Goberno na provincia de Lugo, José Vázquez Portomeñe, ademais de representantes da Garda Civil, Policía Local e do Servizo de Extición de Incendios e Protección Civíl do Concello de Cervo.

Segundo indicou o rexedor, os integrantes dos distintos corpos e forzas de Seguridade locais e nacionais desenvolverán as súa tarefas de xeito coordinado en eventos coma a Romaría de Sargadelos, a festa da Maruxaina ou a Queimada Popular de Cervo, “eventos nos que a afluencia de público fai que sexa necesario un especial despregue dos distintos operativos para garantir deste xeito a seguridade dos visitantes e tamén para atallar calquera tipo de imprevisto ou altercado que se poida dar” significou Villares

Criminalidade baixa

Alfonso Villares salientou tamén os datos ofrecidos polo responsable do Goberno do Estado en Lugo sobre a taxa de criminalidade e delincuencia existente no municipio. “Afortunadamente temos cifras case inexistentes e isto é gracias a labor de todos os axentes e integrantes das distintas forzas de seguridade que desenvolven a súa labor no noso municipio” resaltou. Aínda así, Villares sinalou a necesidade de “non baixar a garda” e indicou que dende o Concello continuarase a solicitar a axuda de tódolos sectores implicados “en aras de atallar os poucos sucesos de carácter delitivo que se veñen producindo no municipio, e tamén para traballar na necesidade de erradicar outros actos menores de gamberrísmo, os cales anualmente supoñen para as arcas municipais uns prexuízos económicos considerables”.

Exit mobile version