RIBADEO (FNC) .- Ribadeo acollerá do 28 ao 31 de xullo a sexta edición do FestivalON na que se proxectarán 39 curtas na sección oficial das 500 presentadas a esta cita. As rúas da vila e doutros puntos da Mariña serán escenario da rodaxe de 12 curtametraxes estes días.
Na presentación do evento que tivo lugar esta mañá o director do FestivalON, Xoan Mariño, sinalou que “a programación empeza o mércores 28 de xullo coa presentación dunha curtametraxe convidada, Dous homes e un suicidio de Iria López, co que damos o pistoletazo de saída. Este ano a programación da sección oficial é bastante completa, seleccionáronse 39 curtas do panorama internacional de case as 500 que chegaron, o que está moi ben. Neste sentido, está consolidado, a xente quere participar, quere que o festival acolla os seus contidos e iso está moi ben”. Hai tres categorías: animación, ficción e documental. Proxectarase casi toda a programación no Cine Teatro e tamén haberá as tradicionais proxeccións ao aire libre, no Cantón dos Moreno tanto o xoves coma o venres.
Mariño tamén explicou que “acompañando á programación oficial do festival temos a sección A toda mecha, que é onde están os videocreadores, xente nova e incluso veteranos actores profesionais, que estarán por aquí estes días gravando doce curtas polas rúas de Ribadeo e doutros puntos da Mariña. Tamén temos a parte festiva, con concertos de danza na rúa e pecharemos con Lamatumbá e Los Crebinsky, que é unha película de produción galega, que se vai presentar oficialmente no festival internacional de Corea”. O director do FestivalON engadiu que “haberá tamén presentacións de libros, charlas abertas no Cantón dos Moreno, que chamamos sesións vermú, nun ambiente de mediodía e festivo onde a xente pode participar, preguntarlle aos actores, actrices e produtores de ti a ti, charlas das que outros anos saíron varios proxectos”.
Pola súa banda a edil de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra incidiu en que “se van realizar actividades como proxeccións, gravacións e tamén animación de rúa para os nenos coa intención de introducilos no mundo do audiovisual. A maior parte das actividades van ser ao aire libre, si o tempo o permite, e haberá proxeccións no Cantón dos Moreno sempre a partires das once da noite. Aquelas persoas que desexen obter máis información sobre as gravacións e sobre o festival só teñen que achegarse ao departamento de Cultura do Concello ou tamén á OMIX”.